fbpx



O concelleiro responsable da área de Persoal, o nacionalista Xosé Luís Martínez Blanco, anunciou este luns que o vindeiro mércores 15 de decembro o Centro Cultural Xaime Illa, na parroquia de Raxó, acollerá a celebración do primeiro exercicio correspondente ao proceso selectivo para a vacante de oficial mecánico/a que oferta o Concello de Poio. A proba, que terá carácter obrigatorio e eliminatorio, desenvolverase ás 10.00 horas, cumprindo con todas as medidas marcadas polas autoridades sanitarias pola situación sanitaria da COVID-19.

O edil do Goberno municipal lembra que este posto corresponde á Oferta de Emprego de 2019, polo sistema de quenda libre. En total, participan neste proceso as 18 persoas que presentaron a documentación pertinente, sen que houbese ningún excluído. Os detalles pódense consultar na Sede Electrónica do Concello de Poio. Ademais, cómpre lembrar que a principios do mes de decembro tamén está prevista a reunión que manterán os membros dos correspondentes xurados para establecer a data da realización dos exames de carácter eliminatorio correspondentes a outros procesos abertos, como son os impulsados para cubrir prazas de operario/a de Servizos Municipais (4), Xardinería (1) e limpeza de instalacións e dependencias municipais (3).

O número total de aspirantes para todos estes portos, incluíndo o de oficial mecánico/a, ascende a máis de 290. O concelleiro de Persoal desexa sorte a todos e todas elas e destaca a gran demanda que están a xerar estas ofertas de emprego desenvoltas pola Administración municipal, impulsadas co obxectivo de “continuar reforzando e mellorando os servizos e prestacións que realizamos desde o Consistorio”.