fbpx

A campaña de esterilización de gatos, impulsada durante os días 20 e 21 de novembro en Poio polo colectivo ‘Castro, luego existo’, resultou todo un éxito. A iniciativa serviu para controlar varias colonias localizadas en diferentes parroquias do municipio. Ademais, tratáronse a un total de 137 animais. Cómpre lembrar que esta actividade contou coa colaboración do Concello, a través da Concellería de Medio Ambiente, así como de agrupacións locais como Bigotes Felinos.

Cómpre lembrar que esta campaña presentaba varias vantaxes, como a posibilidade de que os e as propietarias de gatos puidesen acometer a esterilización a prezos económicos, sen necesidade de asumir custes a maiores en cuestións como desprazamento ou captura. O feito de que as operacións se levasen a cabo de xeito que non requirisen post-operatorio, ao tratarse dunha incisión moi leve, tamén axudou a axilizar o proceso.

O concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez, amosa a súa satisfacción polo resultado derivado desta iniciativa. O edil do Goberno local expresou o seu agradecemento á asociación impulsora da actuación, así como a “indispensable colaboración realizada por Bigotes Felinos, que tamén serviu para retirar das rúas varios gatos abandonados, algúns dos cales xa se atopan en trámites para seren adoptados”. Ademais, Martínez Blanco tamén salienta a “gran implicación e concienciación” que amosou a cidadanía, xa que “foron moitos os veciños e veciñas que participaron, algo que para nós resulta indispensable, de cara a continuar traballando para establecer un control rigoroso das colonias de gatos.

Precisamente, tal e como lembra o titular de Medio Ambiente, a campaña serviu para pechar preto de media ducia de colonias que se tiñan detectadas xa en diferentes núcleos. Deste xeito, actuouse en Combarro, así como en dúas zonas de Samieira e no lugar de Casalvito, entre outras. O control efectuado súmase aos realizados xa no que vai de ano noutros lugares como a contorna da Caeira, en San Salvador.

A campaña tamén incluía, ademais, a posibilidade de dotar de microchips de identificación a mascotas, tanto gatos coma cans. A Concellería de Medio Ambiente reafirma o seu compromiso para continuar colaborando con este tipo de asociacións, de cara a manter iniciativas semellantes no futuro.