fbpx



O Centro Cultural Xaime Illa de Raxó acollerá este venres, 3 de decembro, o espectáculo humorístico ‘Contaxiándonos con humor’, protagonizado polo artista e actor Sergio Pazos. A cita forma parte da programación de ‘Anota Cultura!’, que, ao longo de todo o outono, trae a Poio diferentes iniciativas, entre as que se inclúen sesións teatrais, monólogos ou a proxección, con coloquios incluídos, da película A illa das mentiras, de Paula Cons, que se proxectou a pasada semana.

Esta será a cuarta sesión do Risadas Contadas, o ciclo que inclúe os espectáculos cómicos, iniciados a principios de decembro por Faia Díaz e Vero Rilo, e polo que tamén pasaron Isabel Risco e Lois Pérez. A actuación de Sergio Pazos dará comezo ás 21.00 horas e será con entrada gratuíta ata completar aforo. A iniciativa conta con todas as medidas sanitarias correspondentes.

O humorista ourensán, un auténtico referente deste xénero a nivel nacional, ofrecerá ao público asistente un espectáculo a través do cal achegará a súa particular visión, en chave cómica e de retranca, sobre a situación que provocou a chegada da pandemia da COVID-19 ás nosas vidas. Trátase dunha visión da realidade que pretende ser o máis optimista posible. Para ilo, Sergio Pazos achegará varias sorpresas, ao mesmo tempo que botará man de moitos ‘sketches’ que o levaron a destacar dentro do mundo do humor ao longo dos últimos anos.

A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), anima á veciñanza a participar neste evento e lembra que ‘Risadas Contadas’ porá punto e final ao programa de Anota Cultura o vindeiro 10 de decembro, coa actuación do humorista Sergio Brandaiz.