fbpx


      
O Concello de Poio non asumirá a titularidade do espazo portuario de Covelo, pertencente á parroquia de Samieira, mentres que Portos de Galicia non acometa as obras de mellora e rehabilitación contempladas no convenio asinado no ano 2009, que contempla investimentos que roldan os 4 millóns de euros, tanto no propio peirao de Covelo como no de Raxó, e dos que a día de hoxe non se acometeu nin o 5% do total.

Así o acordaron por unanimidade todos os grupos da Corporación municipal (BNG, PSdeG-PSOE, Avante Poio e Partido Popular), durante o debate correspondente ao punto no que se tratou o proceso de reversión deste espazo e da Praza da Chousa de Combarro, que pasaría a ser titularidade de Costas e, a partir e aí, podería ser asumida polo Concello. No caso de Combarro, a Administración municipal si está disposta a continuar co proceso necesario para que no futuro este espazo, que a día de hoxe carece de uso portuario, poida ser posto a disposición da veciñanza para a súa utilización. En canto a Covelo, os e as portavoces dos grupos da Corporación coincidiron á hora de afirmar que “non procede” aceptar esta reversión, proposta por Portos, no estado no que se atopa actualmente.

Neste sentido, o Goberno local foi moi claro á hora de indicar que “estamos a falar dunha zona moi degradada, que precisa de xeito urxente desa actuación comprometida pola Xunta de Galicia hai máis dunha década”. O responsable de Patrimonio, Xulio Barreiro (BNG), recoñeceu que “dispor da titularidade desa zona interésanos, pero non imos permitir que Portos nos pase a pataca quente. A reversión debería facerse unha vez que se acondicione o espazo portuario tal e como foi comprometido no seu día”. Da mesma opinión son tanto o edil de Urbanismo, Gregorio Agís, como a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz (Avante), que recordaron que a mellora de Covelo e Raxó “é unha débeda histórica que non imos deixar de demandar”, ademais de resaltar que “o investimento feito por Portos nas melloras dos peiraos non chega nin ao 5% do total”. Os dirixentes municipais insistiron na necesidade de que esta actuación se reactive, dado a importancia a nivel económico, turístico e social que teñen ambos portos.

Praza da Chousa

Por outra banda, o Pleno da Corporación tamén aprobou continuar coa tramitación para facer realidade a reversión da Praza da Chousa de Combarro. Séguese, deste xeito, co proceso iniciado en 2018, cando se lle remitiu tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia a documentación necesaria para reclamar un espazo que “xa non é zona portuaria desde hai tempo, senón de uso da veciñanza”. Gregorio Agís explicou que o feito de conseguir a titularidade da Chousa facilitaría “unha utilización máis áxil desta zona”. No informe emitido polo enxeñeiro municipal tamén se recolle a reversión do Paseo das Redeiras. O titular de Urbanismo destacou que “aspiramos a acadar a desafectación e posta a disposición do Concello desta área”, algo que, en primeiro lugar, deberá recibir o visto bo de Portos e, posteriormente, de Costas. “É un proceso algo máis arduo que a concesión, pero, deste xeito, evitamos ter que continuar pedindo permisos e autorizacións para as actividades e usos que se leven a cabo”, aclarou.

A reversión reactívase logo de que Portos solicitase ao Concello que reafirmarse o seu interese por continuar co proceso.