fbpx

A Concellería de Turismo, dirixida por Silvia Díaz (Avante Poio), acometerá proximamente unha mellora de actuación nunha das paraxes máis emblemáticas da parroquia de Combarro. Trátase da contorna da Cuna da Moura, situada no lugar de Outeiro Grande. Este lugar é coñecido pola rocha, en forma de berce, arredor da cal de estableceron diferentes lendas, como a que afirma que, antigamente, os habitantes das proximidades deixaban ofrendas na honra dunha moura do bosque.

Os traballos centraranse en varias tarefas. Por unha banda, procederase á posta a punto e acondicionamento do percorrido que vai desde o Camiño Real ata o lugar no que se atopa a rocha. Ademais, tamén está prevista a substitución da sinalización existente, que se atopa nun estado de deterioro moi acusado, así como a dotación dun novo panel informativo, que achegará información tanto en galego e castelán sobre as peculiaridades da zona, así como sobre as devanditas lendas. Este indicador contará tamén con fotografías e imaxes. Con respecto á sinalización, e co obxectivo de facilitar a orientación das persoas que desexen visitar esta paraxe, dotarase dun elemento a maiores no cruce no que conflúen o Camiño Real e o Camiño do Loureiro. A concelleira de Turismo explica que o departamento municipal xa se puxo en contacto coa Comunidade de Montes Rega dos Agros de Combarro para acordar esta actuación. Silvia Díaz agradece a colaboración amosada pola entidade titular destes terreos á hora de poder levar a cabo estas tarefas e difundir os recursos patrimoniais e naturais do municipio. A intención do Concello é que os traballos se poidan realizar no menor tempo posible, sempre e cando as condicións meteorolóxicas así o permitan.

“A contorna na que se atopa a Cuna da Moura é unha zona digna de ser posta en valor, como o son outros enclaves patrimoniais cun grande potencial como atractivo turístico”, asevera a edil de Avante Poio, que lembra que, se ben as lendas e historias que se contan sobre ela “probablemente son moi coñecidas entre a veciñanza, aspiramos a que que siga consolidando como un punto de atracción turística durante todo o ano”. Cómpre lembrar que, seguindo esta filosofía á hora de consolidar o municipio como un atractivo para visitantes máis alá do verán, a Concellería de Turismo xa desenvolveu actuacións similares noutros enclaves de interese, como foron a mellora e arranxo de sinalización e dotación de paneis en tramos da Variante Espiritual do Camiño Portugués na Ruta dos Muíños de Samieira ou na senda entre A Ostreira e A Seca, na parroquia de San Xoán.