fbpx



A actividade rexistrada na Biblioteca Municipal de Poio, situada en Campelo, na parroquia de San Xoán, experimentou un incremento ao longo do que vai de ano. A falta aínda de coñecer os datos correspondentes ao mes de decembro, a tres semanas vista de que conclúa 2021 as cifras de préstamos e número de afiliados e afiliadas xa é superior ao correspondente a todo o 2020. Entre os meses de xaneiro e novembro do exercicio vixente tramitáronse un total de 1.763 préstamos, entre os que se inclúen na súa inmensa maioría libros, pero tamén material audiovisual como deuvedés e cedés.

Esta cantidade supera en preto dun 10% a correspondente a todo o ano 2020, cando as xestións deste tipo chegaron ás 1.618, feito que salienta a concelleira de Cultura e Educación, a nacionalista Raquel Rodríguez, que destaca “o gran labor” que desenvolve o persoal da Biblioteca ao longo dos doce meses do ano. “Ademais de atender as peticións dos e das lectoras, continúan a facerse iniciativas de todo tipo, pensadas para xente de diferentes idades, facendo unha aposta especial pola difusión da lingua, a tradición e a cultura galega”, salienta.

Todo isto tamén motivo que cada vez sexan máis as persoas que apostan por facerse socias da Biblioteca de Poio. A día de hoxe constan no rexistro un total de 587 persoas, das cales 465 son adultas e 122 infantís. Nesta última categoría constátase un crecemento bastante notable, pasando de 100 a 122, mentres que 15 séniors máis tamén optaron por darse de alta. En total, son 37 anotacións máis con respecto ás acadadas en 2020. Cómpre lembrar que as dependencias situadas en Campelo ofrecen un catálogo moi amplo de obras, entre as que se pode atopar narrativa, poesía, cómicos e material audiovisual, ata superar os 16.000 elementos. Tal e como explica a responsable da Biblioteca, Macarena Ferreiro, os libros máis solicitados foron a colección de Pokemon, por parte da rapazada, mentres que na categoría de adultos a obra que tivo un maior número de préstamos foi ‘Rey Blanco’, da triloxía ‘Reina Roja’, de Juan Gómez-Jurado.

Ademais, a concelleira de Cultura e Educación tamén salienta o éxito das diferentes iniciativas desenvoltas ao longo do presente ano nas dependencias de Campelo. Xogos de escape temáticos, photocalls literarios ou iniciativas centradas no Ano Xacobeo, como foi o caso do Pasaporte Compostela, tiveron unha gran acollida. O bo facer da Biblioteca Municipal tamén quedou reflectido coa obtención do Premio María Moliner, outorgado polo Goberno central. “Seguiremos a traballar para ofrecer desde este departamento unha oferta lúdica, variada e centrada na divulgación da nosa lingua e cultura”, garante Raquel Rodríguez.