fbpx

Máis de 300 incidencias foron solucionadas ou arranxadas ao longo do ano 2021 grazas á Liña Verde. Esta ferramenta, que cumpre un lustro activa en Poio, está xa plenamente asentada e consolidada entre a cidadanía, tal e como amosan estas cifras, xa que, tal e como lembra o Concello, son actuacións que se levan a cabo grazas aos avisos e alertas que realizan os veciños e veciñas a través da aplicación.

Tal e como consta no resumo anual elaborado polos responsables de Liña Verde, a meirande parte das incidencias rexistradas tiveron que ver con solicitude de arranxo do alumeado público (un 14% do total), seguidas por cuestións vencelladas a peticións de retirada de lixo (11%). A reparación de beirarrúas ou limpeza de restos de maleza (9%) tamén figuran entre as demandas máis realizadas, que se completan con outras cuestións como o arranxo de mobiliario urbano, actuacións en zonas verdes, parques e xardíns ou cuestións referidas a tráfico e mobilidade.

O Goberno local lembra que, desde a súa instalación no ano 2016, a través deste dispositivo se resolveron máis de 1.200 incidencias, o que supón unha porcentaxe moi superior ao 90% das demandas e avisos achegados pola cidadanía. Os dirixentes municipais fan fincapé na importancia e necesidade da implicación veciñal, xa que “estas alertas facilitan moito a detección de necesidades por parte dos operarios municipais, algo que resulta indispensable nun municipio cunha dispersión xeográfica tan grande como Poio”.

Para poder facer uso da Liña Verde é preciso instalarse a pertinente aplicación nos dispositivos móbiles, algo que é totalmente gratuíto. Unha vez habilitado, o programa permite a usuarios e usuarias acceder acceder a un espazo específico para deixar constancia da incidencia. Inclúese, asemade, a opción de adxuntar unha imaxe. Unha vez se dá resposta á demanda, a persoa que se puxo en contacto recibe un aviso de que dita incidencia foi solucionada. Ademais, tamén é posible facer uso deste servizo a través da páxina web Lineaverde.com. Precisamente, na páxina web do Concello de Poio existe unha ligazón que ofrece aceso directo a este espazo virtual.