fbpx

O Concello de Poio iniciará nos vindeiros días unhas obras de mellora para dotar de servizo de recollida de augas pluviais ás vivendas existentes na Rúa Espiñeiros, situadas no lugar de Lourido, na parroquia de San Salvador. Así o confirmou este luns a tenente de alcalde e responsable da área de Obras e Servizos Municipais, a socialista Chelo Besada, que explicou que as tarefas serán levadas a cabo polos operarios municipais. Deste xeito, dáse continuidade ás actuacións que desde a Administración local se están levando a cabo para dotar e renovar prestacións básicas en diferentes puntos da vila, facendo especial fincapé no ámbito rural.

Tal e como explica a tenente de alcalde, os traballos estenderanse ao longo de toda a rúa, nunha superficie de 300 metros aproximadamente. “Existen algúns tramos nos que o espazo xa conta con rede de pluvais, pero detectamos que non se atopan en bo estado, polo que procederemos á súa renovación”, sinalou a concelleira do Goberno local, que engadiu que, a maiores, contémplase a dotación de tubaxe nas partes da rúa que actualmente carecen deste servizo. A maiores, a actuación a tamén servirá para habilitar unha senda peonil ao longo de toda a rúa. Neste sentido, Besada avanza que nalgúns tramos substituirase a beirarrúa pola devandita senda, cunha cuneta na que tamén se habilitará a rede de pluviais.

A edil do PSdeG-PSOE confía en que as obras estean rematadas no menor tempo posible. “Agardamos que as condicións meteorolóxicas permitan aos operarios traballar con normalidade”, finalizou. Cómpre lembrar que a día de hoxe tamén avanzan a bo ritmo as obras de dotación e mellora de saneamento no lugar de San Martiño, na parroquia de San Xoán. Neste caso, a actuación está sendo levada a cabo pola empresa EC Casa, cun orzamento que ascende a preto de 80.000 euros, IVE engadido.