fbpx

Dous anos despois da súa posta en marcha, o Punto Limpo Móbil de Poio consolídase como un servizo axeitado e moi utilizado pola veciñanza. Ao longo de 2021 o dispositivo mantivo unha liña ascendente no que a tratamento de residuos se refire, tal e como consta no informe elaborado pola empresa responsable da xestión do lixo, Valoriza. Así durante o pasado exercicio fixeron uso desta prestación un total de 1.034 persoas, o que se traduce nun incremento de preto do 20% con respecto a 2020 (837).

Segundo constata o Goberno local, a utilización do Punto Limpo Móbil mantivo unha regularidade moi marcada ao longo dos doce meses do ano, se ben se detectou un importante incremento durante os meses de abril e maio, con 102 e 115 utilizacións, respectivamente. Tamén destaca o mes de agosto con 100 entregas. Pola contra, decembro foi o mes onde se rexistrou unha menor actividade, con 60 actuacións. A media mensual de utilizacións foi de 86, aproximadamente. O Concello lembra que este servizo é de carácter itinerante e cada semana se traslada a unha parroquia do municipio. Os emprazamentos son, por esta orde: o parque de Costa Xiráldez (San Salvador), o aparcadoiro da Reiboa (San Xoán), o aparcadoiro de Chancelas (Combarro), a Praza Alfredo Romay (Samieira) e a rúa Leopoldo Nóvoa (Raxó). Nos dous últimos casos, a instalación permanece activa na última semana de cada mes (martes e mércores e xoves e venres, respectivamente). O emprazamento en Lourido foi o que rexistrou unha maior actividade entre xaneiro e decembro de 2021, ao atender a un total de 272 persoas.

O Concello recorda que este servizo é de carácter gratuíto e que pode ser utilizado por toda a veciñanza de Poio. O Punto Limpo Móbil habilitouse para ofrecer á cidadanía unha fórmula axeitada para o tratamento de restos específicos, como poden ser electrodomésticos, mobles, restos textís madeiras, chatarra, plásticos e Residuos de Aparatos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), para que reciban o tratamento de reciclaxe axeitada. O Goberno local fai unha valoración moi positiva polo número de persoas que utilizaron este dispositivo ao longo de 2021, consolidando as boas sensacións amosadas en 2020. “Xa entón, a excepción dos meses que durou o confinamento, o servizo contou cunha gran resposta por parte da veciñanza, feito que se consolidou durante o pasado exercicio e que deixa claro o compromiso da nosa cidadanía en materia de reciclaxe e tratamento de residuos, en favor do medio ambiente”, sinala o equipo de Goberno.

O horario de atención ao público do Punto Limpo Móbil é de 9.00 a 14.00 horas, salvo no caso dos días no que se sitúa en Chancelas. Alí, para non coincidir coas horas de entrada e saíde dos escolares, está operativo entre as 9.30 e as 13.30 horas. Na páxina web do Concello pódese consultar o calendario do servizo.