fbpx

Un ano máis, Poio terá visibilidade nunha nova edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR), que estes días se celebra en Madrid. O evento recupera as súas datas tradicionais, logo de que en 2021 se adiase ata ben entrada a primavera, por mor da pandemia da COVID-19. A concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), acompañada pola técnica do departamento municipal, trasladarase ata Madrid para representar ao municipio, que segue a consolidarse como destino turístico e de lecer de referencia a nivel nacional.

Nesta ocasión, Poio formará parte do stand da Red de Pueblos Mágicos de España, á que está adherido Combarro desde 2019. Tal e como lembra a propia Díaz, esta rede está composta por máis de 70 vilas, das que “só catro son galegas (Portomarín, Ribadavia, Cambados e Combarro)”. O Instituto del Desarrollo Local y Estudios Sociales (IDL) é o encargado de impulsar esta rede, a través de cal búscase impulsar proxectos e iniciativas, en colaboración coas administracións públicas, que axuden á promoción e ao desenvolvemento turístico. Deste xeito, as persoas que se acheguen a o stand terán á súa disposición diverso material promocional e informativo sobre Combarro en particular e Poio en xeral. Serán máis de 600 folletos, ademais de planos turísticos, revistas e vídeos promocionais os que compoñan esta oferta, á que tamén se suma o Pasaporte Máxico, unha fórmula a través da cal a Red de Pueblos Mágicos quere facilitar a organización de viaxes, excursións e escapadas ás localidades adheridas, achegando diversa información de interese. Díaz salienta a importancia de formar parte desta entidade, xa que son varios os requisitos que os aspirantes deben superar para poder adherirse á asociación téndose en conta cuestións como a importancia histórica dos monumentos, a calidade de vida, a contorna urbana, os roteiros e espazos naturais ou a gastronomía”.

A maiores, a concelleira de Turismo explicou que este xoves o Concello estará representado no acto de presentación da campaña que a Deputación de Pontevedra desenvolve a través do Patronato Turismo Rías Baixas (ás 16.00 horas). Posteriormente, a partires das 17.30 horas, Silvia Díaz acudirá á presentación da campaña O Salnés no Camiño, no cal Poio participa por ser a primeira etapa da Variante Espiritual do Camiño Portugués. Neste sentido, a edil do Goberno local lembra que cada vez son máis as persoas que apostan por coñecer esta ruta de peregrinaxe, que no seu primeiro tramo vai desde Pontevedra ata o Mosteiro de Meis, pasando por diferentes emprazamentos do municipio poiense. “Só durante 2021 tivemos a visita de máis de 5.000 peregrinos e peregrinas, cantidade que ao longo de 2022 podería aumentar de xeito exponencial, ao ser tamén Ano Xacobeo”, indicou Díaz.

A concelleira de Turismo ten claro que a participación de Poio en Fitur é “unha aposta por continuar consolidando un sector de primeiro nivel no que á dinamización e a actividade económica local se refire”, facendo especial fincapé na necesidade de continuar traballando para que o destino turístico sexa un atractivo ao longo dos doce meses do ano.