fbpx


O Pleno da Corporación abordará na súa vindeira sesión ordinaria, o martes 25 de xaneiro (19.30 horas), unha proposta impulsada desde a Concellería de Seguridade Cidadá para solicitar a Portos unha concesión demanial de varias parcelas situadas no Paseo das Redeiras de Combarro, a fin de acometer unha serie de actuacións que permitirán dotar a esta zona dunhas 80 prazas de estacionamento de xestión municipal para residente.

Así o explica a titular deste departamento, a nacionalista Marga Caldas, que sinala que o proxecto, que conta co visto bo dos técnicos municipais e que cumpre con todos os requisitos pertinentes, contempla solicitar a Portos a concesión de dúas zonas nas que xa existen espazos para estacionar e que na actualidade son de titularidade autonómica. A maiores, o Concello aposta por habilitar prazas nunha zona verde situada ao final do paseo, a man dereita, onde existe tamén un parque biosaudable, que se trasladará a un emprazamento cun novo proxecto máis próximo ao núcleo de Combarro.
A edil do BNG apunta que nesta parcela, que conta cunha extensión duns 1.000 metros cadrados aproximadamente, habilitaranse unhas 25 prazas. “Unha vez que a concesión sexa unha realidade, estes espazos serán xestionados directamente pola Administración local e habilitados para residentes no núcleo de Combarro. Deste xeito, damos resposta a unha demanda histórica que era necesario cumprir, dada a necesidade existente á hora de garantir zonas para estacionar para os veciños e veciñas da contorna, especialmente durante a época estival, cando o número de visitas ao Casco Histórico se multiplica de xeito exponencial”, argumenta Marga Caldas.

A fórmula da concesión demanial xa foi acordada nunha reunión que Caldas mantivo hai uns meses con Portos de Galicia. Este proxecto forma parte do Plan Integral de Tráfico de Combarro, impulsado pola Concellería de Seguridade Cidadá, que contempla, ademais, a adquisición de parcelas nas proximidades do núcleo para xerar máis aparcadoiros disuasorios. Actualmente, o Concello segue traballando na adquisición deses terreos, tal e como confirma a propia Marga Caldas. Unha vez que a concesión demanial sexa aprobada en Pleno, convocarase unha reunión coa veciñanza para dar a coñecer todos os detalles do plan, tal e como garantiu a responsable de Seguridade Cidadá.“Os veciños serán os primeiros en coñecer todo o proxecto, a fin de poder escoitar as súas demandas e garantías a proposta”, recalcou.

Con respecto ao traslado do parque infantil, Caldas Moreira sinala que “aproveitaremos a actuación para renovar os aparellos”. Unha vez que Portos acepte a concesión demanial, o Concello prevé investir algo máis de 48.000 euros na posta a punto da parcela para habilitar os novos estacionamentos. Ademais, a devandita concesión tamén inclúe unha cesión de espazo que permitirá rehabilitar un peche cuberto da nave de piragüismo, un proxecto que xa esta en redacción en colaboración cos clubs.