fbpx



As obras de mellora de servizos e reforzo da seguridade viaria e peonil que se están levando a cabo en Monte Covelo, entre as parroquias de Samieira e Combarro, avanzan a bo ritmo. Se non se producen incidencias, a actuación podería estar lista de cara ao vindeiro mes de febreiro, tal e como sinalou a tenente de alcalde e responsable da área de Obras e Servizos Municipais, Chelo Besada, logo de visitar esta semana os traballos. A edil do Goberno local estivo acompañado polo responsable de Urbanismo, Gregorio Agís.

Os concelleiros do PSdeG-PSOE lembraron que estas tarefas, que foron adxudicadas á empresa Narom, dan continuidade á mellora que se levou a cabo a finais de 2020 na contorna do Camiño de Covelo. A devandita extensión do proxecto afecta a un tramo a maiores de medio quilómetro aproximadamente. Ademais da renovación do firme, que nalgunhas zonas se atopaba moi deteriorado, a actuación tamén inclúe a renovación de servizos básicos, así como a dotación de cuneta tendida de senda peonil. A día de hoxe, segundo explicou a tenente de alcalde, a empresa adxudicataria xa completou os traballos da construción da cuneta e da ampliación do espazo para viandantes, así como a renovación do pavimento, en practicamente toda a extensión. Aínda quedaría pendente levar a cabo o pintado e a instalación de sinalización.

Ademais, o proxecto inclúe a dotación de elementos para reducir a velocidade, a fin de garantir a seguridade. Neste sentido, a edil do PSdeG-PSOE lembrou que esta vía secundaria é moi frecuentada pola veciñanza e utilizada de xeito habitual por condutores, especialmente durante no verán, época na que na PO-308 o número de vehículos aumenta de xeito notable. É por iso polo que moitos cidadáns optan por facer uso deste camiño para desprazarse desde Combarro ata a parroquia de Samieira.

Estes traballos dan continuidade, por tanto, aos xa finalizados no Camiño do Covelo. As dúas actuacións foron executadas a través de fondos solicitados e concedidos por parte do Plan de Mellora de Camiños Rurais, correspondente á convocatoria 2020-2021, e que depende da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.