fbpx

Por segundo ano consecutivo, Poio vivirá un Entroido diferente. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez (BNG), mantivo este xoves unha reunión con representantes de grupos de animación, comparsas e colectivos culturais locais, na que se decidiu cancelar as grandes citas do Entroido. Tanto a edil do Goberno local como os e as integrantes das agrupacións coincidiron á hora de tomar esta decisión, que vén provocada pola situación sanitaria e polo feito de que as comparsas da contorna e os grupos de animación este ano xa anunciaran no seu día que descartaban preparar espectáculos.

“É unha decisión totalmente comprensible, dado que o contexto non é o axeitado para que os membros dos colectivos se xunten para elaborar os seus disfraces ou realizar ensaios”, indicou Rodríguez Alonso, que amosou o seu agradecemento ao tecido social por acudir á reunión e pola súa predisposición á hora de “ir todos e todas da man”.

A reunión, que se celebrou na Casa Consistorial, contou coa presenza de representantes do Ateneo Corredoira de Combarro, A Asociación Cultural Ronsel, Os das Pistas, Batucada os Queimatasas, Os Canecos e as Asociacións de Veciños de Lourido, Campelo e Boureante. Ademais, outros colectivos que non puideron estar presentes na cita, como a SCD Samieira, As Sonecas de Campelo, Armardiña, a Comisión de Festas de Campelo ou os 100 Tolos, puxéronse en contacto previamente coa concelleira de Cultura para trasladarlle tamén a súa postura de non participar en eventos do Entroido. Previamente, a concelleira xa mantivera outra reunión con representantes de comparsas e do grupo de animación de Samieira para abordar a cuestión da cancelación.

Deste xeito, este ano non se levará a cabo o tradicional desfile. Na reunión tamén se confirmou a decisión de non desenvolver os tradicionais enterros do Galo Fodorico, o Galo Bruxo, o Mexillón e o Berberecho. “Estamos traballando na organización de propostas alternativas e seguras, que se poidan adaptar á situación actual e, ao mesmo tempo, permitan á veciñanza gozar destas festas en familia e, deste xeito, poidamos manter vivo o espírito do Entroido”, explicou Raquel Rodríguez, que lembrou que xa o ano pasado a pandemia obrigou a desenvolver unha programación que contou con varias propostas on line e telemáticas e que “resultaron todo un éxito de participación”.