fbpx



O 30 de novembro de 1972 o núcleo de Combarro era declarado oficialmente como Conxunto Histórico. Agora, medio século despois desta histórica data, o Concello de Poio está traballando na posta en marcha de diferentes iniciativas para continuar mellorando, poñendo en valor e dando a coñecer un dos enclaves de referencia do municipio, tanto a nivel de historia e tradición como desde o punto de vista de atractivo turístico.

Deste xeito, os departamentos de Patrimonio e de Cultura atópanse preparando o impulso de diferentes accións. No primeiro caso, o concelleiro titular desta área, Xulio Barreiro (BNG), adianta que proximamente se procederá á contratación dun estudo estratéxico sobre o Casco Histórico. “O obxectivo non é outro que detectar fortalezas e debilidades, de xeito que poidamos establecer prioridades de intervención no ámbito de edificacións ou da mobilidade”, sinala Barreiro Lubián. Unha vez a proposta reciba o visto bo da Xunta de Goberno Local abrirase o prazo para a presentación de ofertas por parte das empresas interesadas en participar no concurso de licitación.

Pola súa banda, a Concellería de Cultura tamén está centrada na preparación e organización de eventos que se levarán a cabo ao longo deste 2022. A súa titular, a tamén nacionalista Raquel Rodríguez, incide na importancia de “impulsar iniciativas que axuden a dar a coñecer a historia e o pasado de Combarro, sen perder de vista o presente e o futuro, de cara a continuar consolidándoo como un dos nosos referentes de sempre”. Deste xeito, o Concello mantén a liña xa realizada hai unha década, cando tamén se levaron a cabo diferentes citas para conmemorar o 40 aniversario da histórica data.