Que é un PMUS?

Os hábitos actuais de mobilidade da poboación son o resultado dunha expansión continua, non sempre acertada, baseada nun modelo de crecemento disperso e afastado dos centros urbanos, que se caracteriza por unha dependencia crecente dos medios de transporte motorizados e, en especial, do vehículo privado.

O resultado desta dependencia do vehículo privado tradúcese nun aumento dos custos enerxéticos, nun maior impacto ambiental e, en definitiva, nun deterioro do medio ambiente e da calidade de vida das persoas.

É a partir da identificación destes problemas cando xorden os Plans de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) como unha iniciativa que expón un conxunto de actuacións para reducir os impactos negativos do transporte e establecer formas de desprazamento máis sustentables, empregando modos de transporte máis eficientes e reducindo o impacto sobre as persoas e o medio.

O Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) no documento “PMUS: Guía práctica para a elaboración e implantación de Plans de Mobilidade Urbana Sustentable”, establece a seguinte definición sobre do que é un PMUS:

“Un Plan de Mobilidade Urbana Sustentable, PMUS, é un conxunto de actuacións que teñen como obxectivo a implantación de formas de desprazamento máis sustentables (camiñar, bicicleta e transporte público) dentro dunha cidade; é dicir, dos modos de transporte que fagan compatibles crecemento económico, cohesión social e defensa do medio ambiente, garantindo, desta forma, unha mellor calidade de vida para os cidadáns”.

Unha estratexia de mobilidade urbana sustentable, por tanto, ten por obxecto garantir que tanto o sistema de transporte urbano, como a xestión do mesmo, responden as necesidades económicas, sociais e ambientais, reducindo ao mínimo as súas repercusións negativas.

O PMUS convértese, en resumo, nunha ferramenta de planificación e nun instrumento de concienciación e sensibilización para a cidadanía, as administracións públicas e para o resto de axentes implicados na mobilidade, que confire garantías e fundamentos técnicos ás decisións relativas ao transporte e á mobilidade, todas elas orientadas á consecución dun sistema de transportes eficiente e sustentable.

¿Porqué é importante a túa participación na enquisa?

O Concello de Poio considera necesario dispor dun Plan de Mobilidade Urbana Sustentable (PMUS) que permita planificar e organizar a mobilidade do municipio nos próximos anos, cun enfoque claro cara á sustentabilidade.

A participación cidadá e dos axentes sociais no proceso de elaboración do Plan considerouse clave desde o inicio para o éxito do PMUS de Poio, descartando as visións nesgadas e intereses privados, para tratar de definir o mellor escenario posible e así resolver as necesidades de mobilidade futura.

Toda a poboación vese afectada polo sistema de transportes, aínda que certos colectivos son especialmente máis sensibles, como as persoas con mobilidade reducida, nenos, anciáns, desempregados e aqueles con recursos económicos máis escasos.

Enquisa de hábitos e características de mobilidade | Enquisa de percepción de mobilidade actual en Poio

A construción de Poio que queremos para o futuro é tarefa de todos e de todas.

Por iso, é importante un proceso de comunicación bidireccional que involucre á poboación no Plan, co obxectivo de acordar o modelo final, sendo esencial para asegurar o éxito non só na redacción do mesmo, senón tamén o éxito ao longo do tempo de implantación no municipio.

Trátase de conciliar os distintos puntos de vista dos diferentes axentes sociais cos criterios técnicos e as propostas dos responsables de decidir finalmente. A experiencia participativa debe fortalecer o proceso de toma de decisións e o valor do proxecto, sendo o resultado do proceso de reflexión común.

O proceso de participación deseñouse de tal forma que se poidan identificar os temas e aspectos do Plan que poidan ser influenciados e enriquecidos polas achegas dos Poienses, onde ao principio se expresan as aspiracións e suxestións; e despois, á vista das propostas técnicas, achegáronse as consideracións que deben ser prioritarias, en base a un diagnóstico compartido.

No entanto, debemos de ter en conta que Poio é un municipio pequeno e pequenos son, por tanto, os recursos que o Concello pode dedicar á realización dun proceso participativo óptimo. Neste sentido, á hora de deseñar o proceso participativo tentouse asignar o máis eficientemente os medios cos que se contou, para tentar chegar á maior parte da poboación posible.

En canto ao proceso participativo, para lograr os obxectivos anteriormente descritos, resulta indispensable involucrar no Plan á cidadanía, o que xustifica o proceso de participación cidadá. Para lograr ese éxito do PMUS é necesario:

  • Coñecer os problemas da mobilidade dende o punto de vista do cidadán.

  • Enfocar a resposta aos retos da mobilidade tendo en conta as inquietudes da cidadanía.

  • Involucrar á poboación no desenvolvemento do Plan de Mobilidade: serán fundamentais os seus hábitos á hora de moverse.

O PMUS busca influír na forma de moverse do cidadán, dotándolles das medidas para que esta mobilidade sexa máis sustentable, pero é un plan xenuinamente da cidadanía.

Proxecto desenvolvido con financiación de 

 

Vindeiros Eventos

Sen eventos