Incendios, catástrofes naturais, grandes concentracións, rescate no mar,  socorrismo, festas ou eventos deportivos: a presencia da Protección Civil é sempre requirida e indispensable para a prevención e o correcto desenrolo da seguridade en multitude de situacións de emerxencia. Malia que a todos nos é familiar, moitas veces non coñecemos a labor altruísta e desinteresada do voluntariado de Protección Civil:

persoas con clara vocación de axuda á cidadanía e con gran vinculación ca nosa veciñanza que desempeñan esa labor de prevención e formación en emerxencias dun xeito xeneroso e comprometido a través dunha formación continuada, e en moitos casos poñendo en risco as súas propias vidas.

Manuel Vicente Caamaño, presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio e membro dende 1996 subliñaba: “Para botar unha man ninguén sobra, e en Protección Civil temos un espazo para todas as persoas con vocación de servizo á cidadanía e que desexen formarse en emerxencias, con independencia da súa idade e condición.” Manuel Vicente engade que os dous piares fundamentais da labor deste organismo son a prevención en riscos previsibles (dispositivos preventivos) como por exemplo as fogueiras de San Xoán ou os concertos onde se sabe de antemán que sempre hai algunha incidencia, e a primeira intervención, cando nun incendio ou un rescate no mar se exerce primeira labor de contención e prevención á espera dos medios profesionais (sanitarios, bombeiros, Policía, etc) cos que Protección Civil exerce una estreita e continuada colaboración.

Actualmente Protección Civil de Poio conta con 28 voluntarios, e precisan de moitos máis, para cubrir a eventualidades da prevención en riscos concretos como os dos incendios forestais que tanto dano fixeron no pasado na nosa terra. “O noso capital humano é o máis importante que temos, e Protección Civil de Poio está formado mulleres e homes dunha xenerosidade e profesionalidade admirable” engadiu orgullosa Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá, que nos falaba de Víctor Manuel Lores, voluntario de Protección Civil dende hai 25 anos e un exemplo de compromiso ca labor de prevención.

Deste xeito, a Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España recoñece o exemplo e excelencia da súa labor á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Poio concedéndolle a Placa ó Mérito na categoría Ouro, nun acto que se celebrará o vindeiro 19 de outubro na Academia Galega de Seguridade Pública.

Vindeiros Eventos

20 Set 2019
05:30 PM -
Contos con Ioga - Biblioteca Municipal
23 Set 2019
12:00 PM -
Festas da Merced