A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e mais o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que o Concello de Poio forma parte, facilitáronlles o abastecemento de auga aos 1.824 habitantes da localidade de Carantaba, no norte de Guinea-Bissau. O proxecto incorporaba un obradoiro de introdución á fotografía para as veciñas cuxo resultado pode verse na exposición ‘Mindjer di Guiné’, que entre o 11 e o 31 de outubro se amosará no Centro Sociocultural Xaime Illa de Raxó, de 17 a 22 horas. A inauguración terá lugar o venres ás 10 da mañá, coa participación de alumnado de 2º da ESO do IES de Poio, que recibirá as explicacións pertinentes por parte de persoal de ACPP.

A mostra reúne vinte instantáneas realizadas polas dezaseis participantes na formación, impartida polo fotoxornalista Sylvain Cherkaoui. As imaxes poñen en valor a interpretación que elas fan do mundo, da súa comunidade e da cooperación internacional. Cámara en man, as autoras captaron desde situacións cotiás ata a repercusión que os proxectos de desenvolvemento teñen nas súas vidas. Deste xeito, as fotografías permiten empatizar coa realidade do país lusófono desde o punto de vista da súa poboación, que loita por seguir avanzando en condicións moitas veces pouco favorables.

A través da súa convocatoria de axudas para ONGD, o Fondo Galego achegou 50.000 euros ao proxecto formulado por ACPP, que permitiu garantir o dereito humano á auga da poboación de Carantaba mediante a rehabilitación dun pozo con sistema de bombeo electrosolar, a construción de dous depósitos de altura e a instalación dunha rede de distribución cuns 1.000 metros de canalizacións. Ademais, dispuxéronse catro fontes públicas e dúas tomas domiciliarias, unha na escola e outra na residencia do profesorado.

A actuación levou aparellada unha campaña de sensibilización sobre prácticas hixiénicas que se estendeu non só á localidade de Carantaba, senón tamén ás comunidades de Santa Curtiba e Santa Nie, chegando a preto de 3.000 persoas. O correcto transporte, almacenaxe e tratamento da auga, canda a hixiene persoal, doméstica e alimentaria, foron algúns dos contidos abordados a través de visitas porta a porta, demostracións prácticas, charlas comunitarias ou distribución de carteis. Preténdese así promover un uso racional e reducir a incidencia de enfermidades directamente relacionadas con estes procesos, como a malaria ou a diarrea.

O proxecto, executado canda a Associação de Jovens para a Cooperação Transfronteiriça, inclúe unha importante compoñente de xénero. Non só polo enfoque do obradoiro fotográfico senón tamén polo feito de que as mulleres son tradicionalmente as encargadas de procurar a auga para o fogar, de xeito que agora poderán dedicar máis tempo a outras cuestións, como a formación ou a participación comunitaria. Neste senso, a maior parte das integrantes do novo Comité de Xestión de Auga e Hixiene de Carantaba son mulleres, que ademais recibiron unha capacitación específica ao respecto. De feito, durante todo o proceso se contou coa participación activa da comunidade, desde a identificación das necesidades ata a elaboración do plan de xestión da auga e do saneamento.

 

Pobreza extrema

A organización social das mulleres é cada vez máis activa nun Estado onde, a pesar de que a discriminación está prohibida por lei, o goberno non conta con medios para evitala. Guinea-Bissau é un dos países máis empobrecidos do planeta e seu Índice de Desenvolvemento Humano sitúao no posto 177 de entre os 189 Estados contemplados. Ten unha gran débeda externa e o PIB per cápita sitúase nos 245 euros, se ben sofre unha forte desigualdade na distribución da riqueza e máis da metade dos seus habitantes viven na pobreza extrema. O analfabetismo atinxe ao 63% da poboación, sobre todo ás mulleres, rexístrase unha elevada taxa de mortalidade infantil e a esperanza de vida rolda os 45 anos. A localidade de Carantaba localízase na rexión de Bafatá, de marcado carácter rural e agrícola.

Un dereito humano

ACPP leva traballando en Guinea-Bissau desde o ano 2006 conxuntamente con organismos públicos e organizacións da sociedade civil, nos sectores de saúde, educación e auga, saneamento e hixiene. A auga está recoñecida coma un dereito humano, de xeito que “toda persoa ten dereito a dispoñer de auga suficiente, salubre, aceptable, accesible e asequible para o uso persoal e doméstico”. Ademais, os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados por Nacións Unidas recollen como ODS 6 “garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sustentable e o saneamento para toda a poboación”.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 97 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Vindeiros Eventos

23 Nov 2019
04:00 PM -
O Son da Gaita - Xornadas
24 Nov 2019
10:30 AM -
II Andaina Paso a Paso Libres de Violencia de Xénero
24 Nov 2019
11:00 AM - 05:00PM
Comercio con Sentido - Feira + Obradoiros
30 Nov 2019
10:00 AM - 08:00PM
O Son da Gaita - Xornadas
30 Nov 2019
09:00 PM -
A lavar Colón - Poio Escena