A asociación “A Pedra Frojám” de Lourizán informa de que o vindeiro sábado 19 de outubro, ás 19:00 horas terá lugar un acto civil en memoria de Afonso Lima Agis “Pindoulo”, o poeta de Samieira. O Acto desenvolverase no Casal de Ferreirós (Poio), honrando deste xeito a memoria deste patriota galego recentemente falecido.

Afonso Lima Agís naceu en Samieira en 1963. Activista político e prolífico poeta, foi un dos membros fundadores do grupo literario “Os Pindoulos”, xunto con Xabier Méndez, Rafa Ruibal e Luís Bará cofunda a revista literaria “Hidromel”. Ao longo dos anos participa activamente en diversos recitais poéticos, entre outros 1ª Homenaxe a Zeca Afonso organizada en Pontevedra por Amigos da Cultura (xunto con Xela Arias e Rafa Ruibal), o Festival da Poesía do Condado, a homenaxe nacional ao patriota galego Antón Arias Curto organizada no Local Social Faísca de Vigo ou no contexto dos actos do X Aniversario da organización Nós-Unidade Popular. Como poeta, Afonso Lima deixa unha prolífica obra pendente de publicación.

En Pontevedra involucrouse no asociacionismo cultural da man da histórica asociación Amigos da Cultura, con destada participación na campaña en defensa do patrimonio histórico-artístico. No seo de Amigos da Cultura tamén continuou, xunto con outros compañeiros, co posicionamento pioneiro da exixencia da demolición do complexo Ence-Elnosa.

O acto de homenaxe e lembranza consistirá nun recital poético e musical, a presentación correrá a cargo de Xosé Luís Villalba e contará con a intervención do seu amigo Augusto Fontám, seguido da intervención da familia, para a continuación dar paso ó acto poético e musical da man do gaiteiro e poeta Xan López, na parte musical, e a dos poetas Xabier Méndez “Pindoulo”, Rosa Martínez Vila “Rosanegra”, Rafel Ruibal “Pindoulo”, Carmen Ruibal, Alexandre Ínsua, Cruz Martínez Vila e Augusto Fontám.

No acto soará o tema “Alé” do autor Lluís Llach, por desexo expreso da súa famila por ser esta unha peza das que Afonso Lima máis desfrutaba.

Vindeiros Eventos

15 Nov 2019
06:00 PM -
Magosto - Casa Rosada
16 Nov 2019
08:00 PM -
Magosto - San Salvador
16 Nov 2019
08:30 PM -
Magosto - A Seca
16 Nov 2019
10:00 PM -
Magosto - Vilariño
17 Nov 2019
06:00 PM -
Magosto - Sartal