fbpx

  • Grazas á colaboración da Biblioteca Municipal, os participantes poderán escoller entre publicacións de diferentes tipos e gozar deles durante dúas semanas.

  • O caldeiro de zinc no que se depositarán os libros irase trasladando a todos os lugares da vila no que se desenvolven habitualmente as sesións e actividades de Saudemente.

    Desde hai máis dunha década, a Concellería de Benestar Social, a través do programa Saudemente, aposta por ofrecer ás persoas maiores do municipio clases de memoria, cursos de actividade física, manualidades e outras moitas iniciativas que en clave social e cultural, co obxectivo de achegarlles unha mellor calidade de vida. Agora, o departamento dirixido por Rosa Fernández aposta por engadir unha novidade a esta programación, aproveitando recursos que o Concello xa posúe para fomentar a lectura entre este núcleo da poboación. Trátase de ‘Letras Maiores’, que nace coa colaboración da Concellería de Cultura, a través da Biblioteca Municipal de Poio. Por medio desta iniciativa, ofréceselle aos maiores a opción de ler diferentes libros, ben sexan de fotografía, viaxes, poemarios, contos ou fábulas.

    Os tomos deposítanse nun caldeiro de zinc, en homenaxe a épocas pasadas, nas que tanto a roupa que se levaba aos lavadoiros como a comida para os animais transportábase neste tipo de recipientes. Este ‘caldeiro’ irá circulando de xeito periódico polos lugares do concello nos que Saudemente desenvolve as súas actividades. Trátase da Casa Rosada, o Local Social de Campelo, A Seca, Vilariño, Combarro, Samieira e Raxó. En cada un destes emprazamentos cada veciño ou veciña poderá elixir o exemplar que desexe. Os participantes recibirán un carné de participación, así como unha funda de tea para gardar o seu libro. O tempo de préstamo será de 15 días. En principio, a intención da Concellería de Benestar é que esta iniciativa se prolongue durante todo o ano. Ademais, Rosa Fernández sinalou que “recibiremos con agrado todas aquelas propostas e suxestións que a xente nos queira facer para ir adaptando os préstamos aos gustos dos nosos maiores”. Na presentación da iniciativa tamén estivo presente a concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez.