fbpx

As visitas paralízanse durante dúas semanas por mor da celebración do Entroido e se retomarán o vindeiro 7 de marzo.

Nas inscricións para tomar parte nesta iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura e Educación, dase preferencia a veciños e veciñas de Poio.

Máis de 200 persoas participaron xa na primeira edición do programa ‘O meu Xacobeo: 8 fitos do Camiño de Santiago’. Esta iniciativa, impulsada pola Concellería de Cultura, en coordinación co Instituto para el Desarrollo Educativo y Cultural, consta de oito excursións, a través das cales os participantes teñen ocasión de coñecer diferentes tramos dos roteiros que cada ano percorren milleiros de peregrinos ata chegar á capital de Galicia.

Desde o pasado 25 de xaneiro, data na que se estreou a iniciativa, xa se completaron catro trazados diferentes, en Tui (Camiño Portugués), San Cristovo de Cea (Vía da Prata), O Cebreiro (Camiño Francés) e Bóveda (Camiño Primitivo). En cada unha destas excursións tomaron parte 54 inscritos. Ademais, en vista da alta demanda, existe unha lista de agarda. Á hora de tramitar as reservas, os veciños e veciñas de Poio teñen preferencia. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, amósase moi satisfeita coa resposta que está tendo unha actividade que, tal e como ela mesma salienta, “está pensada para todas as idades (concretamente, para maiores de seis anos, se ben os menores de 18 deben ir acompañados dunha persoa adulta) e para gozar dunha xornada en familia”. Ademais, a edil nacionalista lembra que, ademais da posta en valor e da promoción do Camiño de Santiago, estas actividades son unha fórmula a maiores de lecer e de apostar polos hábitos saudables.

Outro feito que valora positivamente Rodríguez Alonso é que a demanda de inscricións sempre foi moi alta, mesmo nas xornadas nas que as condicións meteorolóxicas non acompañaron. “Houbo días de choiva nos que tamén se esgotaron as prazas”, indicou.

Despois de desenvolverse cada sábado desde finais de xaneiro, o programa paralízase durante dúas semanas, por mor da celebración do Entroido. Deste xeito, a vindeira saída, a quinta do calendario, non será ata o 7 de marzo. Trátase dunha excursión a Sobrado dos Monxes, pertencente ao Camiño do Norte. O período de inscricións permanecerá aberto desde o 27 de febreiro ata o 4 de marzo. Como é habitual, o punto de encontro quedará fixado na Praza do Mosteiro, desde onde partirá o autobús a primeira hora da mañá. O 14 de marzo a visita será a Pontedeume, como parte do Camiño Inglés, mentres que o día 21 a Ruta do Mar, con Catoira como parada, será a protagonista. Pechará o programa a excursión a Muxía, como parte do Camiño de Fisterra.

As anotacións poderán facerse tanto no Rexistro Xeral do Concello, de xeito presencial, ou a través da Sede Electrónica, cubrindo o pertinente formulario de inscrición e achegando copia do DNI. As prazas están limitadas a 54 por saída.