fbpx

Poio, 18 de febreiro de 2020.- O grupo de teatro Lúa Chea ‘xogará na casa’ o vindeiro venres, 21 de febreiro. Será entón cando esta compañía represente a preza ‘A familia é o que importa’, estreada no ano 2019 e que, desde entón, xa foi ofrecida ao público en diferentes parroquias de concellos como Pontevedra, Meis ou Vigo, así como en Poio, na Residencia Ballesol. A cita será na Casa Rosada, a partires das 20.00 horas, con entrada gratuíta.

Este colectivo, integrado por 14 persoas, comezou a dar os seus primeiros pasos no ano 2001. Foi entón cando se impulsou a de teatro do Centro Social de Poio. Deste entón, a agrupación foise consolidando, se ben sempre está aberta á participación. A expresión corporal, a improvisación, o xogo dramático, a motivación e o linguaxe teatral son algúns dos aspectos nos que se traballa en cada sesión semanal. Xa desde a súa fundación o encargado de dirixir esta actividade é Manuel Solla, un profesional da formación teatral que conta con ampla experiencia no traballo con grupos de teatro afeccionado na provincia de Pontevedra. Esta actividade está subvencionada a través da Concellería de Benestar Social.

Unha das peculiaridades de Lúa Chea é o seu carácter interxeracional, toda vez que a compañía está composta por homes e mulleres de diferentes idades. Desde a súa fundación deron vida a máis dunha ducia de obras, cunha gran aceptación. Destaca, entre outras, ‘Abre a porta’, estreada en 2017, co gallo das celebracións do 25 de novembro, na que se fai unha invitación á reflexión da situación das mulleres na actualidade.

Vindeiros Eventos

Sen eventos