fbpx

O departamento municipal xestionou a entrega a domicilio da compra a un veciño que permanece recluído na súa vivenda ao presentar algúns síntomas que se poden asociar ao Covid-19.

A concelleira Rosa Fernández lembra que o teléfono de atención á cidadanía da Casa Rosada é o 986872401. Este tipo de servizos especiais se levarán a cabo SÓ COA VECIÑANZA QUE POIDA ACREDITAR que carece de familiares ou achegados aos que poder recorrer.

A Concellería de Benestar Social de Poio está moi pendente daqueles veciños e veciñas que, por diferentes circunstancias, poden chegar a precisar dunha maior atención durante o tempo que permaneza en vigor o estado de alarma actual e a situación de confinamento decretados polo Goberno español. O departamento dirixido por Rosa Fernández, en colaboración cos operarios municipais, ofrécese a prestar servizos como a entrega a domicilio da compra a cidadáns que poidan corroborar que non dispoñen de familiares ou persoas achegadas que lles poidan axudar. “Sabemos que hai xente maior, que son un dos colectivos de maior risco ante un contaxio, que poden precisar da nosa colaboración”, indica Fernández, quen insiste no feito que este tipo de servizo préstase a través dos servizos sociais para aquela veciñanza que poida acreditar eses requisitos.

Un exemplo produciuse na tarde do pasado martes, cando se lle trasladou ao seu domicilio a compra realizada por Internet a un veciño do municipio que permanece en cuarentena, despois de que nos últimos días empezase a experimentar algúns dos síntomas asociados ao Covid-19. A concelleira de Benestar Social sinalou que se trata dun home que “vive coa súa nai, que xa é maior”, polo que o afectado púxose en contacto co departamento de Servizos Sociais para explicar o seu caso. “Estaba plenamente xustificado xa que, cando realizou a compra por Internet, no establecemento lle explicaron que non lla poderían achegar ao seu domicilio ata finais de mes, ao estar desbordado o servizo”, engadiu a edil socialista. As traballadoras desta área xa levan uns días elaborando un listado de persoas que poderían precisar dunha axuda similar. “A través dos diferentes programas que impulsamos desde Benestar Social, sabemos que hai xente maior ou que padece algunha enfermidade, que, chegado o caso, necesitaría do noso auxilio. Para o concello, garantir as súas necesidades básicas é unha prioridade”, sinalou Fernández.

A concelleira lembra que o teléfono habilitado para atender aos veciños na Casa Rosada é o 986 87 24 01, en horario de 9.00 a 14.00 horas pola mañá e de 16.00 a 21.00 polas tardes. Os operarios están colocando carteis informativos con estes datos en lugares como os Centros de Saúde ou as farmacias da vila. Por outra banda, Rosa Fernández confirma que o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) segue operativo. O Concello enviou un requirimento á empresa responsable para instarlle a dotar ás traballadoras de todo o material necesario para que poidan realizar o seu labor con seguridade. Fernández conclúe agradecendo “a gran profesionalidade e esforzo que están a ter todas e todos os empregados para facer fronte a esta situación sen precedentes”.

Os Servizos Sociais están coordinados coa Comisión de Emerxencia de xeito permanente.