fbpx

O listado estará dispoñible na páxina web municipal e nas contas oficiais das redes sociais, cos negocios distribuídos por parroquias, especificándose o tipo de servizo que prestan e se o fan a domicilio, ademais de horarios e enderezos. A medida activouse hai varios días, a través da posta en contacto cos responsables destes locais, e busca asesorar á cidadanía sobre cales son os servizos operativos, así como reducir os desprazamentos innecesarios e poñer en valor a actividade do comercio local nesta crise do Covid-19

O Concello de Poio traballa na confección dun listado de negocios, locais e establecementos do municipio que continúan operativos durante o actual confinamento, toda vez que prestan servizos de primeira necesidade para a cidadanía. O Goberno local comezou estes días, a través do departamento de Promoción Económica, a poñerse en contacto cos responsables destas entidades, para elaborar esta base de datos e trasladarlla á veciñanza. Os interesados e interesadas poderán consultar esta información a través das canles oficinais da Administración local. Ademais, tamén se prevé poñer á súa disposición un mapa interactivo na páxina web do Concello coma nas súas redes sociais, onde aparece o emprazamento de cada un destes negocios.

Este foi un dos asuntos que se trataron na Xunta de Voceiros celebrada na mañá deste mércores. Deste xeito, no listado figurarán as direccións e horarios de apertura dos establecementos que desempeñan actividades vencelladas á alimentación, así como quioscos e estancos, gasolineiras, supermercados, farmacias ou veterinarios, entre outros. A través desta iniciativa, o Concello pretende que os veciños e veciñas teñan coñecemento de primeira man sobre a que negocios poden acudir en caso de necesidade, tal e como permite o estado de alarma. “A través deste mapa interactivo tamén poden constatar cales son os locais que se atopan máis próximos aos seus domicilios, co cal se axuda a limitar os desprazamentos”, explica o Goberno municipal, que tamén considera que é moi importante dar visibilidade ao labor que están a desenvolver os responsables destes establecementos. “Agora máis que nunca, o comercio local que permanece operativo está a ofrecer un servizo indispensable á nosa cidadanía”, indica o tripartito.

A relación de negocios aparece distribuída por parroquias. Ademais, tamén se especificará cales delas ofrecen servizo a domicilio. O Goberno local explica que a este listado se poderán incorporar novos negocios ou prestacións que vaian xurdindo. Tamén se ofrece ás entidades a opción de modificar ou actualizar datos.Precisamente, o Concello hai uns días comezou a repartir mascarillas e material de protección entre estes profesionais, para axudarlles a reforzar as medidas de seguridade destinadas a evitar contaxios de Covid-19. Tamén se fixeron achegas a outros sectores como o dos mariñeiros a flote.