fbpx

 

O Concello ultima a compra de 20.250 unidades, ás que hai que sumar ás de elaboración propia e ás doazóns de empresas e particulares que xa se foron entregando a colectivos de risco e traballadores e profesionais do comercio local. Daráselle prioridade tamén á hora de facer a entrega, que será levada a cabo por Protección Civil, ás persoas maiores de 65 anos.

O Concello de Poio continúa desenvolvendo o plan integral deseñado para dotar, de xeito gradual, de mascarillas a toda a poboación. Nas últimas semanas, a prioridade para o Goberno local foi dotar deste material de protección aos colectivos de risco, así como ás persoas que, polo traballo que desenvolven, atópanse máis expostas ante o virus, como é o caso do persoal municipal, a Policía Local e Protección, así como os profesionais do comercio local cuxa actividade é de primeira necesidade neste contexto de confinamento e de estado de alarma. Neste sentido, tamén se están a repartir xa entre os negocios que volveron hoxe a poñerse en funcionamento.

Tal e como se decretou na sesión desta mañá da Comisión de Seguimento do Covid-19, xa se iniciou tamén o reparto a domicilio de mascarillas entre persoas maiores de 65 anos, a través dun listado elaborado polo departamento de Servizos Sociais.

Unha vez estes colectivos estean cubertos, comezará a entrega de material ao resto da veciñanza. Será a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil a encargada de realizar a entrega, vivenda por vivenda, nas cinco parroquias do municipio.  Neste sentido, o Goberno local fai fincapé en que o material será repartido sen necesidade de que as persoas teñan que desprazarse ou realizar xestións fóra dos seus domicilios para conseguilo. Para poder levar a cabo esta actuación, aprobouse a compra de 20.250 unidades a unha empresa especializada. A estas hai que sumarlles as adquiridas previamente e ás doazóns desinteresadas de diferentes entidades e particulares e que foron as que se repartiron de xeito prioritario entre os colectivos máis expostos e de maior risco ante o coronavirus. 

Estas mascarillas encargadas serán dun só uso, dous como máximo.

Trátase do mesmo tipo de unidades que tamén se están a repartir noutros municipios. Por outra banda, o Concello tamén facilitará vídeos tutoriais para aqueles colectivos e cidadáns que estean interesados en elaborar máis unidades, mediante o uso de material que será achegado polo Concello. “As mascarillas van a pasar a ser algo que utilicemos de xeito habitual nos vindeiros meses, non agora de xeito puntual, polo que é importante non só o subministro de unidades, senón tamén facilitar pautas para a súa fabricación á cidadanía”, sinala o Goberno local. A maiores, acordouse facer entrega á empresa responsable do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) todo o material de protección  homologado conseguido.