fbpx



O alcalde de Poio, Luciano Sobral, confirmou na mañá deste martes que remitirá un escrito á Subdelegación do Goberno en Pontevedra para solicitarlle colaboración para garantir a seguridade no Vao. A intención do Concello é de dispor de máis reforzos cando sexa necesario realizar algún tipo de actuación nesta zona, ben sexan a través de dispositivos de control ou traslado de axudas a familias que precisan do auxilio do departamento de Servizos Sociais, debido á súa situación económica.

O rexedor nacionalista, ademais, non dubidou en tildar de “salvaxe, gravísima e irresponsable” a agresión sufrida por dous axentes da Policía Local de Poio no Vao de Arriba, un feito sen precedentes, a última hora da tarde do pasado luns, cando acudiron alí tras recibir un aviso de incidencia por parte do 112 e despois de que a Garda Civil detivera previamente a un individuo.

Sobral deixou claro que este acto “supón un punto de inflexión. O Concello debe reflexionar e valorar de que xeito imos continuar actuando no Vao”. Ademais, o alcalde, que compareceu publicamente acompañado pola concelleira de Seguridade, Marga Caldas, e o xefe da Policía Local, Antonio Duarte, enviou unha mensaxe de ánimo e agarimo aos dous xentes feridos, que xa descansan nos seus respectivos domicilios, tras seren atendidos no Complexo Hospitalario de Pontevedra durante a noite do martes. “O que sucedeu non pode quedar impune nin caer no esquecemento. Non imos descansar ata que os responsables deste acto respondan ante a Xustiza”, salientou o rexedor nacionalista, que, unha vez máis, apelou á necesidade de que todas as administracións se involucren para dar solución ao “problema endémico” que existe no poboado do Vao, xa que “non é só unha cuestión de seguridade, senón tamén de integración e de marxinación”. Neste sentido, o alcalde de Poio lembrou que o Concello “sempre actuou con normalidade á hora de buscar solucións e actuar no Vao”, pero matizou tamén que “estas actitudes violentas, que nunca se produciran antes, non son de recibo e, desde logo, non imos quedar de brazos cruzados”. É por iso polo que solicitará á Subdelegación que preste unha maior colaboración co corpo de seguridade municipal á hora de garantir a seguridade.

Con respecto á investigación aberta para esclarecer o brutal ataque, neste momento hai xa dez persoas identificadas como supostos responsables do asalto, que atacaron aos axentes con paus e lanzándolles pedras mesmo antes de que puidesen saír do seu vehículo. Algún dos presentes mesmo portaba machadas e machetes. O xefe da Policía Local advertiu que “coñecemos moi ben a estes individuos e sabemos quen nos atacou”. Antonio Duarte explicou as agresións comezaron “sen mediar palabra” e, ademais das lesións aos axentes, tamén provocaron cuantiosos danos materiais no vehículo no que viaxaban os policías. “Temos feito moitos controis nesa zona e actuacións de todo tipo e nunca, xamais, sufrimos un ataque coma este”, sinalou.

Por último, tanto Sobral como Marga Caldas expresaron o seu agradecemento polas mensaxes de solidariedade e apoio recibidas desde outras institucións, entidades e corpos de seguridade, así como de veciños e veciñas. Ademais, tamén louvaron a colaboración prestada pola Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Local de Pontevedra á hora de acudir na axuda dos axentes atacados.