fbpx



A pesar de que a crise provocada polo Covid-19 obrigou a aprazar os actos institucionais do Día das Letras Galegas, a Concellería de Cultura aposta por desenvolver deste este xoves diferentes iniciativas a través das redes sociais para conmemorar esta data, na que neste 2020 se lembra a figura de Ricardo Carvalho Calero, quen foi o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega (1972).

Trátase dunha figura fundamental, tal e como lembra a concelleira responsable deste departamento, Raquel Rodríguez, posto que “exerceu de nexo entre as manifestacións culturais, sociais e políticas previas á Guerra Civil do 1936 e á recuperación da nosa cultura unha vez chegada a democracia”.

Deste xeito, a través do perfil oficial Poio Cultura, as usuarias e usuarios terán a posibilidade de acceder a varios enlaces, documentos e actividades virtuais impulsados pola Real Academia de Lingua Galega. Así, por exemplo, desde hoxe a rapazada poderá tomar parte en xogos e iniciativas interactivas no enlace primaveradasletras.gal. A Concellería de Cultura informa, ademais, que a partir de mañá estarán dispoñibles acesos ás biografías de todos os persoeiros e persoeiras  con motivo do Día das Letras Galegas desde a súa primeira edición ata este ano.

Con respecto ao día grande, o vindeiro domingo 17 de maio, haberá audios, imaxes e perfís biográficos que “axudarán a entender a dimensión da figura de Carvalho Calero a toda a veciñanza”, sinala Raquel Rodríguez. Entre os enlaces dispoñibles, estarán os dispostos polo Consello da Cultura Galega sobre o homenaxeado, así como un sobre a Exposición Carvalho Calero, que se poderá consultar en Youtube.

A Concellería de Cultura confía en que esta edición especial ‘on line’ das Letras Galegas acade o mesmo éxito no que a participación se refire que outras iniciativas desenvolvidas a través das redes sociais recentemente, como foron o Día do Libro ou a Festa dos Maios. “Mentres non poidamos volver a celebrar este tipo de eventos con normalidade, seguiremos apostando por fórmulas alternativas, de xeito que a veciñanza poida gozar destas citas desde os seus domicilios”, concluíu a edil nacionalista.