fbpx



A Comisión de Urbanismo, que se celebrará este martes por vía telemática tratará diversos temas, como a aprobación do Padrón Fiscal e de Servizos correspondente ao segundo bimestre de 2020 (meses de marzo e abril), referido a taxas vencelladas a prestacións como saneamento, abastecemento ou saneamento. Estes son algúns dos impostos cuxos pagos quedaron en suspenso coa entrada en vigor do estado de alarma. Neste sentido, o concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, adiantou este luns que  o Concello habilitará unha liña de aprazamento para o pago destes recibos, que se prolongará ata os seis meses, sen ningún tipo de custe ou recargo adicional.

“É unha posibilidade á que se poden acoller tanto as persoas que teñan domiciliado o pago das taxas como as que non”, indicou Barreiro, que, ademais, confirmou que aqueles cidadáns que opten por descartar este fraccionamento contarán cun mes a maiores para realizar o cobro. Deste xeito, o período habitual de dous meses pasa a ser de . “Sabemos que hai xente que está interesada en non dividir o pago e realizar un abono único, polo que poderán realizalo ata principios de xuño”, sinalou. Proximamente se poñerán a disposición da cidadanía os documentos e formularios necesarios, que poderán descargarse da páxina web municipal.

Esta non é a única fórmula na que traballa a Administración municipal para tratar de paliar as consecuencias da crise derivada da expansión do Covid-19. O concelleiro de Facenda tamén explicou que se está estudando o xeito de darlle “encaixe legal” a propostas para axudar a aqueles negocios que se viron na obriga de paralizar a a súa actividade durante o confinamento. “Estamos pendentes dos informes de Tesourería, pero a nosa intención é impulsar unha modificación da ordenanza correspondente e poder levalo a Pleno o antes posible”, aseverou Barreiro.

Precisamente, o Concello de Poio celebrará mañá, a partir das 9.30 horas, a súa primeira sesión plenaria desde o inicio do estado de alarma. Será, ademais, o primeiro Pleno que se desenvolva de xeito telemático, seguindo así a fórmula que xa se viña utilizando nas últimas semanas para a celebración doutros órganos locais, como as Comisións Informativas, as Xuntas de Goberno Local, as de Voceiros, e mesmo as correspondentes á Comisión de Seguimento do Covid-19.

Neste caso, trátase dunha convocatoria de carácter extraordinario, que ten como motivación axilizar a tramitación de diferentes expedientes, posibilitada pola nova normativa legal e tras o levantamento da suspensión da realización de sesións de órganos colexiado que se contemplaba no decreto aprobado o pasado 14 de marzo. Ademais de dar conta de varios expedientes, tamén se debaterá sobre o Plan Económico Financieiro 2020-2021 e sobre o Plan de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. A veciñanza terá a oportunidade de seguir en directo o Pleno, a través da canle de Youtube Plenos do Concello, a mesma que xa se utilizou para ofrecer a retransmisión das sesións presenciais ordinarias dos meses de xaneiro e febreiro.