fbpx

O primeiro Pleno telemático celebrando en Poio desde o comezo do estado de alarma, que foi de carácter extraordinario e q tivo lugar na mañá deste martes, serviu para axilizar a tramitación de expedientes, posibilitada pola nova normativa legal e tras o levantamento da suspensión de sesións de órganos colexiados decretada ao comezo do confinamento. Un dos puntos abordados foi a aprobación do novo Plan Económico Financieiro 2020-2021, que contou cos votos favorables de todos os grupos da Corporación municipal.

Este documento foi consensuado entre o departamento de Intervención de a Dirección Xeral de Política Financieira da Xunta de Galicia. O Goberno local garante que o seu cumprimento non repercutirá na calidade de vida dos veciños, xa que o Concello goza na actualidade dunha situación económica o suficientemente boa como para asumir a redución de 600.000 euros en investimentos que se contempla. O concelleiro de Facenda, Xulio Barreiro, explicou durante o debate plenario que esta situación é froito da situación que provoca a actual regra de gasto. “Investíronse 2,4 millóns de euros en diferentes iniciativas e recursos, ademais de obter un préstamo de 650.000 euros para mellorar a calidade de vida da veciñanza. A contrapartida é que agora temos que reducir os custes neses 600.000 euros. É a contrapartida que provoca unha regra de gasto que é inxusta, porque, se o crecemento económico é superior ao 2,7% anual, como sucede en Poio, é moi difícil de cumprir. Nós consideramos que é moito mellor investir en favor da cidadanía que ter os cartos no banco ou usar o Remanente de Tesourería exclusivamente na amortización de débeda, cando a temos perfectamente estruturada”, explicou o edil de Facenda, que lembra que actualmente esta débeda ascende a 5,5 millóns de euros, reducíndose en 4,5 millóns con respecto ao ano 2009.

O Goberno local deixa claro que a situación económica “está moi controlada”, polo que non se agardan problemas nin a curto nin a medio prazo. Este é un feito no que fixeron moito fincapé os voceiros dos tres grupos que forman o tripartito (BNG, PSOE e Avante Poio), que foron tallantes ao negar que a aprobación deste plan supoña unha intervención por parte do Estado ou se contemple a fusión con outros concellos, como deslizou a oposición hai uns días. Neste sentido, foi o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís, no que apuntou que no informe se lembran cales son as opcións que contempla a lei para as situacións máis extremas, como tamén son a suspensión de competencias ou de entidades menores. O tripartito incide en que “estamos moi lonxe deses escenarios” e, de feito, Xulio Barreiro lembra que “na actualidade en Poio estamos asumindo, desde hai anos, servizos que corresponden a outras Administracións. E, a pesar diso, realízanse investimentos, redúcese a débeda e os impostos levan conxelados desde 2013”. O concelleiro de Facenda tamén se fai eco da disxuntiva que supón a regra de gasto. “Agora, ao non gastar eses 600.000 euros, o Remantente de Tesourería de 2021 terá esa cantidade a maiores. Pero, se os utilizamos, incumprimos esa normativa. É un contexto difícil para Concellos como o noso, que están en crecemento”.

A sesión plenaria extraordinaria deste martes tamén serviu para que se aprobase inicialmente o Plan de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais. O documento tamén foi apoiado por toda a Corporación. Agora, pasará a exposición pública para permitir a presentación de alegacións e, unha vez superado ese trámite, será aprobado de xeito definitivo.