fbpx

A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores, entre outras cuestións, o documento a través do cal se permitirá a ampliación da instalación de terrazas para establecementos hostaleiros e de restauración.

Trátase dunha instrución que foi previamente consensuada cos profesionais do sector e que permanecerá vixente, de xeito temporal e excepcional, mentres perduren as restricións actuais e non conclúa o proceso de desescalada, que, de momento, permite a utilización do 50% destes espazos exteriores, sempre e cando se respecte unha distancia física de dous metros entre as mesas e cun máximo de grupos de dez persoas, que tamén deberán manter unha distancia interpersoal.

O Concello lembra que a instancia pódese descargar da páxina web do Concello de Poio (www.concellopoio.gal) ou no Rexistro. Os establecementos deberán informar da ocupación realizada, xunto con declaración responsable e fotografías ou planos sinalando os espazos nos que queren instalar as mesas e cadeiras. A Policía Local e os departamentos de Urbanismo e Apertura de Actividades serán os encargados de informar sobre a viabilidade de cada proposta.

No que á utilización do espazo público municipal se refire, o documento sinala que os establecementos interesados poderán gozar desta ampliación de xeito gratuíto, ata que desaparezan os condicionantes e restricións da actividade, respectando as distancias de seguridade ás zonas transitadas por peóns. Ademais, os locais poderán solicitar a ampliación da superficie de terraza que permita a distancia de seguridade entre mesas ou agrupación das mesmas, ata un límite que non supere o número que establece o seu aforo. Tamén se permitirá temporalmente ocupar o dominio público que dea a fachadas doutros edificios non comerciais, respectando accesos e distancias de seguridade, así como parques, prazas ou xardíns, garantindo sempre o tránsito de peóns e vehículos.

Con respecto aos espazos privados, poderanse utilizar, mentres duren as restricións na actividade polo estado de alarma, xardíns, hortas ou patios interiores. O Concello informou tamén aos profesionais de que non se permitirá o uso de aparatos reprodutores de imaxe ou son, así como o peche do solo público. Si se contemplan os parasoles de cor neutras e mamparas separadoras transparentes, sen publicidade nen anclaxes.
 
O documento tamén recolle un anexo que fai referencia ás medidas de hixiene. Deberase proceder á limpeza e desinfección das mesas e cadeiras entre un cliente e outro e, preferiblemente, utilizaranse manteis dun só uso. Porase a disposición do público dispensadores de xel hidroalcohólico se eliminarán os produtos de autoservizo (palilleiros, servilleteiros, aceiteiros ou elementos similares). As tarefas de limpeza desinfección levaranse a cabo, como mínimo seis veces ao día. A ocupación máxima dos aseos será dunha persoa. Ademais, recoméndase non utilizar cartas, optando por dispositivos electrónicos, pizarras ou carteis. Con respecto ao persoal, estableceranse medidas organizativas ou quendas que garantan cumprir co distanciamento de seguridade.