fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, remitiu un escrito á Consellería de Sanidade, a través do cal solicita ao titular deste departamento autonómico, Jesús Vázquez Almuíña, que achegue explicacións sobre os cambios de consultorio médico que desde hai algunhas semanas están a afectar a numerosos usuarios e usuarias do municipio.

Son moitos os veciños e veciñas que están a recibir unha notificación, por parte da Xunta de Galicia, informándolles deste cambio, que provoca que residentes en San Salvador, que ata o de agora recibían servizo no Centro de Saúde de Anafáns, se vexan na obriga de desprazarse ata o centro sanitario de Combarro, situación que tamén se produce á inversa.

O rexedor nacionalista insta ao conselleiro de Sanidade a que se pronuncie sobre este cambio de facultativos. “Agora máis ca nunca, cando aínda nos atopamos en pleno estado de alarma, a saúde e as garantías sanitarias para a cidadanía cobran máis importancia ca nunca, por iso non acabamos de entender este cambio. É preciso que a Xunta de Galicia nos aclare os criterios nos que se basean estes cambios”, explica Sobral, que tamén lembra que “son moitos os veciños e veciñas os que non dispoñen de medios para desprazarse. O feito de obrigar a unha persoa que reside en San Salvador a pasar consulta médica en Combarro, ou viceversa, parécenos preocupante”, engade o alcalde de Poio.

Por outra banda, o Concello, en vista da problemática, está estudando fórmulas para dar asesoramento ás persoas afectadas, con respecto á realización de posibles alegacións. Ademais, Luciano Sobral lembra unha vez que o Goberno local defende a necesidade de que Poio conte cun novo centro de saúde, sen que supoña o peche dos que actualmente prestan servizo en Combarro e Raxó. “Sempre fomos partidarios da continuidade destas instalacións, porque garanten a proximidade de acceso á veciñanza”, finalizou.