fbpx



O Concello de Poio continúa traballando para, dentro das súas posibilidades, reforzar a seguridade na contorna do poboado do Vao. Ademais das actuacións que xa ven realizando de xeito habitual a Policía Local, en colaboración coa Garda Civil, a Administración municipal negocia actualmente a tramitación para lograr a demolición dunha edificación abandonada, situada nas aforas do Vao de Arriba.

Trátase dunha medida que busca eliminar un foco de trapicheo e de consumo de estupefacientes e así mellorar a actuación de seguridade e vixianza da zona das forzas do orden. O Goberno local xa iniciou conversas cos propietarios para tratar de levar a cabo o derribo.

O Concello de Poio lembra, ademais, que a problemática do Vao non é un asunto que non afecta exclusivamente ao municipio, senón a toda a provincia de Pontevedra, polo que incide, unha vez máis, na necesidade de que se impliquen todas as administracións para buscar unha solución definitiva.

Por outra banda, os axentes da Policía Local que foron atacados por unha turba no Vao de Arriba o pasado 4 de maio prestarán declaración o vindeiro luns 25 de maio. O Concello presentarase como acusación particular no proceso xudicial. Os dous axentes sufriron diversas lesións, incluídas mazaduras e cortes, como consecuencia da agresión con pedras e paus, pola que foron identificadas 17 persoas, varias das cales foron detidas, acusadas de delitos de atentado contra a autoridade e danos.