fbpx



A Concellería de Benestar Social e Mocidade habilita un Punto de Apoio, que se emprazará na Casa Rosada, que estará a disposición daquelas persoas que desexen solicitar, vía telemática o Ingreso Mínimo Vital, aprobado recentemente polo Goberno central. Para tal efecto se instalou un ordenador nas dependencias municipais, a través do cal se poderá realizar o trámite. Os usuarios e usuarias contarán co asesoramento ‘in situ’ dunha traballadora, que estará a disposición das persoas que precisen axuda.

A responsable do departamento, Rosa Fernández, explica que para poder facer uso deste servizo será necesario solicitar cita previa, en horario de mañá, chamando ao número de teléfono 986872401. Ademais, o Concello lembra que neste Punto de Apoio non se realizarán reclamacións nin se determinará se unha persoa ten ou non dereito a dispor do Ingreso Mínimo Vital, toda vez que se trata dunha prestación xestionada pola Seguridade Social. Para realizar este tipo de xestións recoméndase á cidadanía que efectúen as súas consultas na propia páxina web da Seguridade Social (www.seg-social.es) ou chamando ao 900202222.

Por último, a Concellería de Benestar Social fai fincapé en que para realizar a solicitude na Casa Rosada será preciso levar toda a documentación correspondente, segundo para cada caso, e co modelo de documento de acreditación de vontade. Os interesados e interesadas poderán obter máis información ao respecto na páxina web do Concello.