fbpx

As praias de Cabeceira, en Lourido, e de Xiorto, na parroquia de Raxó, contarán, un ano máis, con socorristas. A Xunta de Goberno Local aprobou na súa última sesión, celebrada este martes, a contratación temporal de seis profesionais, que iniciarán o seu labor o vindeiro 1 de xullo e permanecerán operativos hasta o mes de setembro, unha vez finalice a tempada estival. A incorporación destes traballadores, que serán os encargados de velar pola seguridade dos bañistas, levouse a cabo mediante o sistema de concurso, por quenda libre. Desde a Concellería de Persoal Apostouse pola contratación de seis persoas que se atopaban en situación de desemprego, inscritas no Servizo Público de Emprego como demandantes non ocupados. Desenvolveuse un concurso baseado na valoración dos méritos alegados polos aspirantes e tivéronse en conta baremos como unha formación académica superior á esixida para o posto convocado.

A apertura deste servizo coincidirá co izado da bandeira azul que lucirá a praia de Cabeceira durante o verán. Ademais, os operarios municipais xa veñen traballando nos últimos meses na posta a punto dos areais do municipio, cuns labores que se reforzaron desde que o proceso de desescalada permitiu o acceso ás praias, primeiro como lugar para pasear o facer exercicio (fase 1) e, xa a partir na fase 2, coa aprobación para gozar no baño, situación que se mantén na nova normalidade. Ademais, o Concello instalou  en maio nos accesos de varios areais (entre os que se atopan Xiorto, Raxó, Sinás, Covelo, Cabeceira ou Padrón) unha serie de paneis informativos sobre as medidas de seguridade e distanciamento social que establecen as autoridades sanitarias na loita contra a Covid-19.

Por outra banda, a Administración local tamén traballa na contratación temporal de persoas para cubrir cinco postos de peón varredor e persoal de limpeza. Esta medida realízase a través dunha achega recibida por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para a incorporación de cidadáns que reciben a RISGA. Está previsto que estas incorporación queden formalizadas a vindeira semana. Precisamente, o pasado luns os aspirantes procederon a realizar as probas prácticas.