fbpx

A Casa Museo de Colón pasará a formar parte da Rede de Espazos de Contido Museístico Atlántico (REMA). Esta proposta, impulsada polas concellerías de Turismo, dirixida por Silvia Díaz, e Pesca e Marisqueo, coordinada por Chelo Besada, foi aprobada por unanimidade no Pleno ordinario do mes de maio, despois de que fose abordada pola Comisión Informativa de Educación, Cultura e Deportes. A REMA creouse a través do proxecto de cooperación interterritorial Morada Atlántica, para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca, no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020. A través desta rede, o que se pretende é potenciar a transferencia de coñecemento dos territorios costeiros do eixo atlántico, promovendo o desenvolvemento económico do sector turístico, grazas á posta en valor dunha rede de patrimonio etnográfico, cultural, paisaxístico e ambiental cos recursos dos territorios implicados.



O Concello de Poio entende que formar parte da REMA, algo que é de carácter gratuíto, supón unha serie de vantaxes, como a promoción dos espazos museísticos a nivel internacional, dinamización nas Redes Sociais, incremento da oferta e visibilidade de todos os centros adheridos, a posibilidade de ampliar a rede de contactos e a cooperación en proxectos en común ante a Unión Europea. A Casa Museo de Colón cumpre cos requisitos esixidos para formar parte desta rede. A Técnica de Turismo Mónica Neira será a responsable da xestión do museo, mentres que a tenente de alcalde e concelleira de Pesca e Marisqueo, Chelo Besada, será a encargada de exercer como interlocutora política cos Grupos de Acción Costeira do Sector Pesqueiro (GALP).

A tramitación para unirse a esta rede iniciouse antes do estado de alarma provocado pola expansión da Covid-19, que obrigou á paralización da tramitación. A iniciativa faise realidade a uns meses vista da celebración do décimo aniversario da Casa Museo de Colón, que foi inaugurada o 23 de novembro de 2010. A organización de ciclos de conferencias, novas exposicións e actos como presentacións e edicións de libros son algunhas das iniciativas que o Concello contemplaba realizar antes da crise do coronavirus e que agora haberá que volver a analizar tendo en conta as medidas de seguridade e sanitarias polas que se rexerán este tipo de citas coa nova normalidade. A responsable de Turismo, Silvia Díaz, entende que esta adhesión é “unha moi boa ocasión para potenciar o museo” e amósase convencida de que a súa integración na REMA “suporá grandes beneficios no que á súa difusión se refire, sen que supoña, ademais, custe económico algún”.

Situada en Portosanto (San Salvador) e deseñada polo arquitecto pontevedrés Enrique Barreiro, a Casa Museo de Colón conta con tres andares, que suman preto de 150 metros cadrados de superficie útil. Un dos seus grandes atractivos é a exposición permanente sobre Cristóbal Colón, que ofrece un extenso percorrido pola teoría da orixe galega do descubridor do continente americano. Ademais de documentos e material audiovisual, a mostra ofrece, entre outras cousas, unha réplica, a tamaño natural, dunha carta náutica debuxada polo navegante Juan de La Cosa no ano 1.500.

Medidas de seguridade

Cómpre lembrar que a Casa Museo reabriu as súas portas o pasado martes, con horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto luns, domingos e festivos, xornadas nas que permanecerá pechado. Ademais, para garantir a seguridade do persoal e dos e das visitantes, estableceranse unha serie de pautas, como o uso obrigatorio de máscara. Ademais, os grupos quedarán limitados a 15 integrantes. Tamén se seguen as directrices marcadas pola Xunta de Galicia coa entrada na nova normalidade, como a limitación do aforo ao 75% (50 persoas). O Concello instalou tamén paneis informativos sobre a forma axeitada de lavar as mans e habilita xel hidroalcólico.