fbpx

O Goberno local de Poio continúa dando pasos para facer realidade un dos proxectos que figuran no pacto firmado ao comezo do mandato polo Bloque Nacionalista Galego, PSdeG-PSOE e Avante Poio: a rehabilitación do Pazo de Besada. O proxecto recibiu na mañá deste martes o visto bo da Comisión de Urbanismo, de xeito que agora será remitido á Deputación de Pontevedra. Cómpre lembrar que esta ambiciosa actuación financiarase a través do Plan Concellos 2020, impulsado pola máxima institución provincial, e contará cun orzamento que rondará os 500.000 euros aproximadamente.

Tal e como explica o titular do departamento urbanístico, o socialista Gregorio Agís, as previsións do Concello son que o proxecto poida ser licitado a finais deste verán. “Isto permitiríanos poder empezar as obras a comezos do vindeiro ano”, estimou. Cómpre lembrar que a documentación xa fora remitida previamente por parte da Concellería de Urbanismo á Dirección Xeral de Patrimonio, trámite que se completou o pasado mes de xaneiro. Posteriormente, o proceso de tramitación viuse afectado polo cese de actividade que provocou o confinamento decretado a raíz da crise sanitaria da Covid-19.

A mellora das instalacións do Pazo de Besada, situada en San Salvador e que na actualidade xa acolle diferentes iniciativas, como, por exemplo, as organizadas pola Concellería de Xuventude, permitirá facer realidade o traslado a este emprazamento de varios dos servizos que na actualidade se prestan na Casa Rosada. No proxecto apóstase por habilitar un espazo para Servizos Sociais na planta baixa, que incluiría áreas para persoas maiores, nas que os usuarios e usuarias terían ocasión de participar en diferentes actividades. Ademais, tamén se contempla dotar ao inmoble de despachos administrativos, así como o traslado do Centro de Información á Muller (CIM).

Unha vez feita realidade a remodelación, o Pazo de Besada tamén pasaría a estar en disposición de contar con outros servizos, como unha aula de estudo e unha biblioteca, que complementaría á de Campelo.