fbpx

O alcalde de Poio, Luciano Sobral, presidiu na mañá deste mércores o acto de izado da bandeira azul na praia de Cabeceira, en Lourido, un areal que leva xa máis dunha década lucindo este selo de calidade, xestionado pola Asociación de Educación Ambiental y del Consumidor (Adeac). A cita serviu para inaugurar a nova temporada de verán nos areais, coa presentación dos seis socorristas que, como xa vén sendo habitual, prestarán servizo na propia Cabeceira, ademais de en Xiorto, na parroquia de Raxó, ata o vindeiro mes de setembro.

O rexedor lembrou que este ano é especial para Poio, toda vez que o Concello tamén recibiu por parte da Adeac unha Distinción Temática en materia de información e educación ambiental, polo traballado desenvolvido nos últimos anos neste eido. Sobral fixo fincapé en que “somos o único municipio de toda Galicia que recibiu este recoñecemento nesta faceta específica”. Tanto é así, que só existen outros dous casos a nivel nacional. Trátase de Benidorm (Alacante) e Los Realejos (Santa Cruz de Tenerife).  Adeac leva desde 1999  outorgando este recoñecemento a aqueles concellos que demostraron ter realizado un esforzo “especial e digno de ser difundido como exemplo de excelencia”, que tamén incide en que o que se busca é recoñecer e poñer en valor exemplos de boas prácticas. Deste xeito, a Distinción Temática realízase nos eidos da información e da educación ambiental, no de socorrismo e primeiros auxilios e no que se refire á ruptura de barreiras arquitectónicas e atención a persoas que padecen algún tipo de discapacidade.

No caso de Poio, á hora de dar esta mención especial, os responsables da Adeac tiveron moi en conta as 13 actividades que se desenvolveron ao longo do ano 2019 en Poio (varias delas, na propia praia de Cabeceira) en favor da concienciación medio ambiental. Entre elas, figuran campañas como Praias sen fume (entre as que se atopa este areal) ou  a de ‘Non sexas pirata! Á praia vense a gozar, non a saquear’, impulsada pola Consellería do Mar co obxectivo de evitar o denominado ‘furtivismo de bañador’ por parte dos turistas. Ademais, promovéronse varias saídas ás praias para recoller residuos e plásticos, nas que participaron activamente centos de escolares de Poio. De cara a este verán, activarase tamén unha campaña para promocionar a bandeira azul, a través do reparto de folletos informativos aos usuarios e usuarias da praia de Cabeceira, nos que se explican os criterios que se aplican á hora de outorgar este emblema.

Calidade das augas

Un dos requisitos para obter a bandeira azul é que a calidade das augas sexa excelente. Neste sentido, 13 das 15 praias nas que se efectúan os análises de xeito periódico arroxaron este resultado nos últimos tests realizados. Trátase de Xiorto, Sinás, Fontemaior, Area da Barca, Covelo, Chancelas, Chancelas Pequena, A Canteira, Cabeceira, Lourido, Ouriceira, O Padrón e Campelo. Nove destas 13 levan mantendo estes niveis sen interrupcións desde 2015. Baseándose nestes datos, o Concello non descarta volver solicitar o vindeiro ano a bandeira azul para Xiorto. Luciano Sobral sinalou que a intención do Concello é solicitar máis bandeiras azuis de cara ao vindeiro verán, como é o caso de Xiorto, posto que “non só cumpre co requisito de calidade das augas, senón tamén cos servizos e mantemento necesario”.

Pola súa banda, a praia de Raxó vén acadando o nivel de boa desde 2018, mentres que a do Laño tamén é apta para o baño. No último lustro, Poio pasou a contar con 9 areais con calidade excelente ás 13 actuais (fórono acadando progresivamente O Padrón, Campelo, Ouriceira e Fontemaior).