fbpx



O programa Poio Confía, impulsado polas concellerías de Turismo e Promoción Económica para ofrecer ao tecido empresarial facilidades á hora de adaptar a súa actividade ao contexto provocado pola crise sanitaria da Covid-19, habilita unha páxina web, a través da cal os e as profesionais e autónomos do sector hostaleiro, turístico e comercial terán a oportunidade de facerse cunha guía actualizada sobre as normativas actualizadas, a nivel estatal e autonómico, que explican os procedementos e requisitos a cumprir nesta nova normalidade. Ademais, os usuarios e usuarias disporán de vídeos temáticos nos perfís oficiais que o programa dispón nas redes sociais Facebook e Instagram, así como en Youtube. Tamén se pon a disposición da cidadanía unha dirección de Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. e un teléfono de información (625120475).

Esta foi unha das cuestións sobre as que versou a reunión mantida o pasado pola titular de Turismo, Silvia Díaz, e o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, con representantes da Asociación de Aloxamentos Turísticos de Poio. A cita tivo lugar no Casal de Ferreirós, dando cumprimento ás medidas sanitarias, e serviu, ademais de para informar aos presentes sobre esta ferramenta, para abordar diversas cuestións. Fíxose fincapé na necesidade de contar cun Plan de Riscos Laborais, así como en contar cun procedemento de limpeza e desinfección dos establecementos, para garantir a seguridade sanitaria.

Por outra banda, resolvéronse outras dúbidas como a situación dos elementos decorativos, que poderán ficar nas habitacións, sempre e cando se proceda á súa desinfección axeitadamente. Na reunión participou Jesús Fernández, técnico especialista do programa Poio Confía, que explicou tamén que, de producirse un caso de contaxio nun establecemento, será a Xunta de Galicia a que teña potestade para decidir o posible peche do local afectado. O equipo de Poio Confía reiterou tamén o seu compromiso de visitar persoalmente aqueles negocios que así o solicitaron, para ofrecer asesoramento de xeito individual. Tanto Silvia Díaz como Gregorio Agís coinciden á hora de animar aos profesionais de Poio a que se poñan en contacto cos responsables desta iniciativa, para “resolver calquera dúbida” e continuar traballando para garantir “negocios seguros”.