fbpx

Formación en técnicas dixitais, baile ou manualidades son algunhas das temáticas protagonistas na nova edición do Programa de Verán impulsado pola Concellería de Mocidade, que, ao longo de toda a tempada estival, ofrecerá cursos para mozos e mozas de diferentes idades. As persoas interesadas en tomar parte nalgunha destas iniciativas poderán anotarse chamando ao teléfono 986872401 ou enviando un correo electrónico a Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.. O comezo das actividades terá lugar en canto se cubran as prazas necesarias.

DESCARGAR PROGRAMA [PDF]

A maioría destes obradoiros terá unha duración de oito semanas. Este é o caso, por exemplo, do obradoiro de retoque dixital de fotografías, destinado a persoas maiores de 12 anos e que se desenvolverá os mércores, de 11.00 a 13.00 horas, na Casa dos Guardeses, na Finca de Besada. O prezo de inscrición será de 50 euros. Neste grupo tamén se atopa o ‘Costucosplay’, o curso pensado para mozos e mozas de 15 a 30 anos interesados en aprender a confeccionar e deseñar os traxes e accesorios dos seus personaxes favoritos. A inscrición costa 20 euros e terá lugar os luns e mércores de 10.00 a 12.00 horas.

Ademais, o departamento de Mocidade aproveita o verán para retomar ‘Sen perder o ritmo’, un obradoiro de baile que no seu momento tivo que suspenderse pola crise sanitaria da Covid-19. Esta iniciativa está pensada para alumnos de Secundaria e terá lugar os martes e xoves de agosto, cun prezo de 35 euros. Tamén en chave musical, está ‘Shuffle Dance’, unha modalidade a través da cal se dá vida a coreografías moi rápidas e dinámicas. Este curso, para maiores de 12 anos, será na Casa Rosada, cunha taxa de 20  euros, os martes de 11.00 a 12.00 horas.

A programación tamén inclúe outras actividades pensadas para toda a familia, como o taller de arranxo de bicicletas, que constará de tres sesións (22 de xullo e 5 e 19 de agosto). Realizarase na finca exterior da Casa Rosada, entre as 17.00 e as 19.00 horas. Serán 5 euros por sesión. A nivel formativa, destaca, asemade, ‘Manuformac’, para o deseño mediante uso de materiais reciclados. Neste caso, ofértase para profesionais como monitores de tempo de lecer, mestres e mestras ou animadores socioculturais. Será os xoves de 10.00 a 12.30 horas e custará 10 euros.

O Programa de Verán tamén ten en conta aos máis cativos e ofrecerá en diferentes lugares do concello obradoiros de manualidades, para nenos e nenas maiores de seis anos, entre as 11.00 e as 13.00 horas. Estas actividades terán lugar en Vilariño (28 e 29 de xullo), Praza Alfredo Romay de Samieira (4 e 5 de agosto), Praza da Granxa de Campelo (11 e 12 de agosto) e Praza da Chousa de Combarro (18 e 19 de agosto). Como colofón, o 18 de setembro haberá un acto na Casa Rosada para despedir o verán e dar a benvida ao novo curso. Trátase dunha cita na que colabora a Deputación de Pontevedra, pensada tamén para cativos e cativas maiores de seis anos, na que haberá sorteos de regalos e unha merenda.

A concelleira de Mocidade, Rosa Fernández, lembra que todas estas iniciativas se desenvolverán dando cumprimento ás normas de seguridade sanitaria que se establecen nesta nova normalidade. “Dentro deste contexto, mantemos a nosa oferta lúdica para a xente moza do noso concello cun programa moi variado”, conclúe.