fbpx

O Concello de Poio continúa pendente de recibir por parte de Portos de Galicia o seu visto bo para aplicar o plan de tráfico deseñado para dotar ao porto de Combarro de prazas de aparcamento para veciños e veciños que residan no núcleo histórico da parroquia. Trátase dunha iniciativa a través da cal o Goberno local tamén busca ampliar o número de espazos para estacionar destinados a outros residentes na vila e visitantes. A concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, lembra que a Administración local remitiu toda a documentación do proxecto á Xunta (concretamente, nunha reunión que tivo lugar a finais de outubro de 2019), sen que de momento se recibise unha reposta pola súa parte.

“Xa nos atopamos en plena temporada estival e non podemos tomar as medidas necesarias para aplicar esta medida, moi necesaria e demandada pola veciñanza, porque Portos segue sen pronunciarse, algo que nos sorprende moito, habida conta que se trata dunha fórmula que non require de ningunha obra nin actuación complexa previa”, indica Caldas Moreira.

O Concello contempla ofrecer ata 40 prazas exclusivas para residentes na avenida Francisco Regalado, que conecta a Praza da Chousa co peirao da Canteira. Ademais, a zona na que actualmente estacionan os autobuses pasará a ser destinada a turismos, cunha capacidade para acoller a 80 automóbiles. Os buses, pola súa banda, contarán cunha parada rotatoria, na que poderán permanecer durante 15 minutos, que se empraza á marxe dereita da entrada ao espigón do peirao.

A concelleira de Seguridade Cidadá fai fincapé na necesidade de reactivar o convenio para permitir os estacionamentos de vehículos no recinto portuario. “Nós comprometémonos a dar cumprimento ás nosas obrigas dentro dese acordo, que tamén debe contar co visto bo das confrarías. Se Portos non está interesado en que se poida impulsar este proxecto, non teremos máis remedio que aceptalo, pero ten que haber un diálogo previo, sobre todo cando o Concello de Poio fixo os deberes presentando en tempo e forma esta proposta”, finalizou Marga Caldas.