fbpx

O Goberno local de Poio acaba de remitir á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade un escrito no que propón unha serie de melloras, facéndose eco de peticións realizadas pola veciñanza, para o tramo da PO-308 entre Covelo (Samieira) e Raxó, no que a Xunta de Galicia ven de concluír recentemente unha actuación de mellora da seguridade viaria e de eliminación de puntos de concentración de accidentes.

O documento, que foi aprobado polo tripartito (formado por BNG, PSOE e Avante Poio) na Xunta de Goberno Local do pasado martes, fai mención a varias demandas efectuadas por usuarios e usuarias desta estrada, que alertan, por exemplo, da supresión dunha zona de aparcamento, de carga e descarga de materiais, situada na recta do Laño, no punto quilométrico 9+440. Estas prazas elimináronse para habilitar un carril de aceleración e unha parada de autobús. O Concello propón que esta última se desprace a uns 20 metros para que se poida recuperar a carga e descarga. O tripartito é consciente que na marxe esquerda en dirección a Sanxenxo si existen espazos para estacionar, pero advirte de que a ausencia de pasos para peóns podería supoñer un risco para as persoas que acudan ao establecemento.

No escrito lémbrase, ademais, a ausencia dunha zona peonil na intersección co Camiño Seimorzáns, que sería precisa para que os veciños e veciñas poidan acceder á illa de contedores do lixo. “Tal e como está agora, os peóns teñen que invadir o cruce para acceder a estes colectores, co conseguinte perigo que iso supón”, sinala o Goberno local. Entre as propostas enviadas a Infraestruturas figuran, asemade, a dotación dunha marquesiña na parada de autobús situada no punto quilométrico 10+310, xa que “é utilizada polos escolares, os cales non teñen lugar para resgardarse das inclemencias meteorolóxicas”. Tamén se apunta a opción de recuperar a parada de autobús que, debido ás obras, foi suprimida no punto quilométrico 10+190.

O Goberno municipal confía en que estas peticións veciñais sexan tidas en conta e se fagan realidade, máximo cando se tratan de mellorar que non requiren de grandes obras ou traballos. Cómpre lembrar que, no seu día, o Concello xa presentara unha serie de alegacións para mellorar os proxectos iniciais, moitas das cales foron desestimadas. Entre elas, figuran a dotación de máis pasos para peóns ou a continuación da beirarrúa que non foi executada na marxe esquerda nunha entrada existente para vehículos entre os números 20 e 22 da avenida do Covelo, en Samieira. Propúñase a maiores resolver os problemas de tránsito peonil detectados entre as avenidas da Toxa e O Laño, onde a senda foi adaptada aos diferentes portais, producindo badéns.

Por último, o Concello de Poio lembra tamén a necesidade de que a conexión de Leopoldo Nóvoa coa PO-308, na parroquia de Raxó, teña en conta aos peóns, establecendo espazos que garantan a seguridade dos viandantes, e non supoña un impacto para a contorna, peticións que tamén son trasladadas desde diferentes colectivos locais.