fbpx

Reinicia Verán Poio é o nome da nova programación impulsada pola Concellería de Festexos, que se desenvolverá ao longo de toda a temporada estival. Trátase dunha iniciativa que ten coma obxectivo ofrecer tanto á veciñanza como aos turistas unha oferta lúdica e variada, pensada para todos os públicos, respectando as medidas de seguridade e distanciamento determinadas polas autoridades sanitarias por mor da pandemia da Covid-19.

A programación estrearase a finais da vindeira semana. En concreto, será o venres 17 cando o gaiteiro poiense Óscar Ibáñez salte ao escenario que se habilitará no parque Ánkar, na parroquia de San Salvador, ás 21.30 horas. Un día máis tarde, á mesma hora, serán o compositor coruñés Xabier Díaz e as Abufeiras da Salitre os encargados de deleitar aos asistentes cos seus temas musicais. O concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez, explica que o aforo será de 400 persoas, que deberán permanecer nos seus asentos durante as actuacións.

O edil do BNG adianta que “durante todas as semanas do verán ofreceremos actividades e iniciativas, que se estenderán por diferentes núcleos e lugares das cinco parroquias do noso concello”. As iniciativas durará hasta ben entrado o mes de setembro e manteñen a esencia da programación alternativa que se deseñou para celebrar as Festas de San Xoán, que se impulsou para poder ofrecer á cidadanía unha oferta de ocio adaptándose ás circunstancias da nova normalidade e que resultaron un éxito.

A programación de Reinicia Verán Poio será presentada nos vindeiros días. Ademais, o concelleiro de Festexos adiantou tamén que, este ano, por mor da situación provocada pola Covid-19, non se celebrarán eventos masivos, como é o caso da Festa do Mar de Combarro. Con respecto a outras citas emblemáticas do verán, como é a Festa da Ameixa de Campelo, Xosé Luís Martínez adiantou que “estamos analizando opcións para intentar ofrecer unha programación alternativa”.

As actividades do programa estival inclúen actuacións musicais e diferentes espectáculos. Á hora de elixir os emprazamentos, non só se tivo en conta as súas características de cara a facilitar o cumprimento das medidas de distanciamento e control de aforo, senón tamén outros factores, como a posibilidade de que estas citas axuden a dinamizar a actividade do comercio local e da hostalería. “Non podemos esquecer que estes son dous dos sectores que foron máis castigados polo confinamento. Queremos que esta programación supoña un pulo para a súa actividade”, indica o edil nacionalista, que insiste, iso si, na necesidade de que a xente cumpra coas medidas de hixiene e distanciamento, utilice as máscaras e manteña as distancias determinadas polas autoridades sanitarias.