fbpx

O Concello de Poio é na actualidade un referente no que á transparencia informativa sobre a propia Administración local se refire. Esta é unha das conclusións que se poden extraer dun dos últimos informes elaborados pola Dynamic Transparency Index, Dyntra, unha plataforma que traballa na medición e xestión da información pública de diferentes institucións e organismos a diferentes. Para determinar estes niveis, baséase nunha serie de indicadores que analiza nos espazos de información que ofrecen estas entidades, a través dos seus espazos virtuais.

A día de hoxe, Poio sitúase como o oitavo Concello de Galicia cun maior índice de transparencia, sendo, ademais o primeiro municipio de menos de 20.000 habitantes neste eido. A Administración municipal sitúase nun 47,53% segundo os parámetros aplicados por Dyntra. En concreto, Poio cumpre con 77 dos 162 indicadores que analizan os responsables desta plataforma á hora de efectuar a súa avaliación. A última actualización data do pasado 30 de abril e o Concello está a traballar para continuar mellorando nestes resultados, tal e como sinala a edil responsable de Transparencia e Participación Veciñal, Silvia Díaz, que destaca o notable incremento que detectou a plataforma electrónica. E é que a 2017 a porcentaxe apenas superaba o 11%, catro veces menos que na actualidade.

O documento elaborado por Dyntra destaca, entre outras cuestións, a transparencia no apartado económico e de financiamento que existe na Sede Electrónica, cunha porcentaxe que rolda o 60%. A transparencia municipal tamén supera o 50%. De cara ao futuro inmediato, Díaz adianta que xa se está a traballar en diferentes cuestións, para continuar mellorando estes resultados e ofrecer “unha ferramenta que sexa cada vez máis útil para a cidadanía”. A mellora da accesibilidade da propia web, a integración de novos servizos telemáticos de avisos de interese e incidencias, formularios de acceso á información pública ou habilitar un espazo web para o tecido asociativo municipal son algunhas das iniciativas nas que está a traballar o departamento de Transparencia e Participación Veciñal.

Os concellos que superan a Poio no índice de transparencia son Redondela, A Coruña, Pontevedra, Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol. O Concello atópase por moi por diante doutras vilas veciñas, como é o caso de Sanxenxo, que ocupa a vixésima novena praza, ou Marín, decimoséptima. O traballo desenvolvido desde o inicio do mandato neste eido serviu para superar a concellos como Santiago, Narón, Vilagarcía de Arousa ou Lalín, que é, xunto con Poio, o único que non chega a 20.000 habitantes (19.826) que tamén se coloca entre os dez primeiros.

A concelleira de Transparencia valora positivamente estes resultados, pero apunta que “debemos continuar mellorando, de cara a ofrecer á nosa veciñanza toda a información que precisen atopar nos nosos espazos virtuais”. Neste senso, Díaz adianta que “a nosa meta é acadar un Goberno aberto, entendido como a comunicación permanente e transparente entre o Concello e os veciños e veciñas, de xeito que aumente a súa participación efectiva na Administración local”. A edil de Avante entende que “este é un proceso en constante evolución e actualización, que ten como prioridade contar con ferramentas web que sexan útiles e efectivas á hora de optimizar o traballo municipal”.