fbpx

A Policía Local remitirá á institución autonómica informes nos que se incide na necesidade de aplicar medidas de protección nesta zona, cuxa titularidade pertence ó departamento dependente da Xunta de Galicia. Un vehículo estacionado nas inmediacións da praia de Raxó acabou no areal, sen que, por fortuna, se rexistrasen feridos.

O Concello de Poio remitirá un informe, elaborado pola Policía Local, a Portos de Galicia, no que se advirte da necesidade de tomar medidas urxentes para mellorar a seguridade viaria na contorna do peirao de Raxó, onde a última hora da mañá deste xoves un vehículo se precipitou desde a calzada ata a Praia. Afortunadamente non houbo que lamentar feridos, xa que o turismo atopábase sen ocupantes no momento do suceso. O vehículo atopábase estacionado na rúa e puido precipitarse polo feito de que o condutor non deixou posto o freo de man. A caída tampouco afectou aos bañistas que nese intre se atopaban na praia de Raxó.

Este suceso, que se produce apenas unhas semanas despois doutro moi similar nun emprazamento próximo, pon de manifesto a necesidade de actuar canto antes na zona para mellorar a seguridade e os servizos da contorna. O Goberno local insta unha vez máis a Portos a que reactive o convenio asinado co Concello no ano 2009, a través do cal se comprometeu a rehabilitar os peiraos de Raxó e Covelo, cunha inversión de máis de 3 millóns de euros. A pesares dese compromiso adquirido hai xa once anos, a Administración autonómica completou menos do 20% do estipulado, a pesar de ser dúas zonas chave para a dinamización económica, social e turística para as parroquias de Raxó e Samieira.