fbpx

A concelleira de Turismo, Silvia Díaz, e o responsable de Promoción Económica, Gregorio Agís, mantiveron o pasado xoves un encontro con integrantes da Asociación de Comerciantes Enpoio, que serviu, entre outras cuestións, para darlles traslado das novidades no que á xestión da situación derivada da Covid-19 se refire. Esta cita enmárcase dentro do programa Poio Confía, impulsado polo Concello de Poio para ofrecer ao tecido empresarial local facilidades á hora de adaptar a súa actividade ao contexto provocado pola crise sanitaria. Un dos obxectivos era comunicar aos profesionais do sector a importancia de cumprir coas medidas básicas en termos de información sobre o aforo, dotación de xel hidroalcólico para a clientela, cumprimento de distancias de seguridade e procesos de limpeza e hixiene.

Neste sentido, cómpre lembrar que Poio Confía ofrece aos establecementos un Selo de Compromiso de Seguridade, que se lle outorga aos negocios que cumpren co decálogo do programa en materia de persoal, coordinación, limpeza, información, medidas ou teletraballo, entre outros aspectos. A día de hoxe, preto de 40 empresas do municipio xa se beneficiaron do programa de asesoramento personalizado ofertado a través desta canle e está prevista a incorporación dunha decena a maiores de cara ás vindeiras semanas. Durante a reunión coa asociación Enpoio, tanto Silvia Díaz como Gregorio Agís fixeron especial fincapé na importancia de que exista unha unión que facilite “un maior poder de negociación fronte ás empresas provedoras de diferentes servizos que poden ser comúns”. Ademais, amosaron o seu compromiso de continuar mantendo este tipo de encontros, de cara a recoller as necesidades que poidan ir xurdindo entre os profesionais e acadar así “resultados tanxibles e reais, que redunden no beneficio de todo o municipio”.

Por outra banda, a Concellería de Turismo xa enviou tamén unha comunicación aos establecementos hoteleiros de Poio, na que se lles aporta información sobre o rexistro impulsado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), dependente da Xunta de Galicia, que deben cubrir os e as visitantes que proveñan de lugares nos que a Covid-19 ten unha alta incidencia, e cuxo listado pódese consultar no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os responsables de Poio Confía, que tamén falaron na reunión de cuestións como a prevención de riscos (que é unha das grandes preocupacións daqueles negocios con persoal empregado), animan a todos os negocios de Poio a que se adhiran a este programa.