fbpx

O Concello de Poio, a través da Concellería de Seguridade Cidadá, procedeu a executar un plan de mellora peonil nun tramo da Rúa Igrexa, nas inmediacións do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó. En concreto, actuouse na subida cara a PO-308, onde se atopaba a antiga incorporación á estrada autonómica, que foi pechada ao tráfico creado logo da construción, por parte da Xunta de Galicia, dun vial alternativo que vai desde o núcleo da parroquia ata a nova rotonda e que carece das medidas necesarias para garantir a seguridade para os viandantes e a veciñanza en xeral.

O proxecto impulsado polo Concello consiste na dotación de sinalización horizontal, como o pintado dunha senda peonil no marxe dereito da subida. Ademais, tal e como explica a concelleira de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, dótase á contorna dun paso de peón. Estas medidas en ningún caso significarán unha redución das prazas para estacionar e, en cambio, “garante unha maior seguridade para a cidadanía”, engade a edil nacionalista, que salienta que xa se lle deu traslado desta medida ás persoas residentes neste enclave. “O Concello estivo estudando a situación desta zona, no que existe un déficit no que a seguridade peonil se refire, motivado pola mala execución, por parte da Xunta de Galicia, do proxecto da PO-308 e do novo vial. Dentro das nosas posibilidades, o Goberno local sempre vai apostar por remodelacións como a que imos facer aquí, para garantir o benestar e a seguridade das persoas”, concluíu Marga Caldas.

As tarefas de pintado leváronse a cabo durante a noite deste martes.