fbpx

Os cativos e cativas do Espazo Concilia, coordinado pola Concellería de Igualdade, tiveron ocasión na mañá deste mércores de coñecer os petróglifos da Caeira, a través da realización dunha unidade didáctica específica, que se desenvolveu nas dependencias do centro de interpretación anexo ao Casal de Ferreirós. A concelleira responsable deste departamento, Silvia Díaz, explicou que esta iniciativa busca “facilitar á rapazada a posibilidade de coñecer un dos grandes patrimonios históricos do noso municipio, á vez que lle ofrecemos unha fórmula de lecer alternativa”.

Divididos en tres grupos diferentes, os nenos e nenas realizaron diferentes tarefas, como o pintado de deseños semellantes aos emblemáticos gravados e a medición dos propios petróglifos. Ademais de efectuar estas tarefas, realizaron tamén unha visita guiada a cargo da técnica de Turismo, cunha explicación sobre a orixe dos gravados, onde se realizaban e a súa antigüidade, e a proxección dun vídeo divulgativo. A actividade levouse a cabo respectando as medidas de hixiene, distanciamento e uso de máscaras que establecen as autoridades sanitarias por mor da pandemia da Covid-19.

Silvia Díaz lembra que o Espazo Concilia, iniciado a principios do pasado mes de xullo, permanecerá operativo ata o 9 de setembro, xusto antes do inicio do curso escolar. A día de hoxe aínda quedan prazas vacantes, polo que as familias interesadas en gozar deste servizo poderán informarse nas dependencias da Casa Rosada, ou chamando ao número de teléfono 986872401. Obradoiros artísticos, xogos de auga, pista e rastreo e actividades de expresión musical son algunhas das iniciativas que se desenvolven a través do programa de conciliación da vida familiar e laboral, que este ano se trasladou ás instalacións do CEIP Viñas para facilitar o cumprimento das normas ‘anti Covid-19’.