fbpx

Os seis socorristas que prestan servizo de vixía nas praias de Xiorto, en Raxó, e Cabeceira, en Lourido, atenderon preto dun cento de incidencias nestes areais durante o pasado mes de xullo. En concreto, foron 96 as ocasións nas que tiveron que prestar auxilio aos bañistas, a través de diferentes intervencións. Mentres que no areal de Raxó o número de incidencias foi de 51, en Cabeceira, quedaron en 45.

A inmensa maioría destas situacións non revestiron gravidade. Máis do 38% destes labores consistiron en atender a usuarios e usuarias das praias que sufriron feridas por diferentes razóns, como caídas ou golpes. Ademais, tamén foi preciso atender a 30 persoas (18 en Cabeceira e 12 en Xiorto) tras sufrir picaduras de vespas, o que supón algo menos do 32% do total de incidencias. Ata o de agora, o suceso de maior gravidade tivo lugar a principios de agosto, cando os socorristas que desenvolven o seu labor na praia da parroquia de Raxó tiveron que rescatar a un bañista que sufriu unha indisposición. Unha vez sacado da auga, foi trasladado en ambulancia a un centro hospitalario. Ademais, en Lourido o pasado 2 de xullo a intervención dos socorristas resultou decisiva para salvar a vida dunha persoa que sufriu unha parada cardiorrespiratoria.

Por outra banda, e a diferencia do que sucede noutros areais da ría de Pontevedra, as picaduras de faneca apenas tiveron incidencia en Poio. Os responsables do servizo de vixía tiveron que atender un total de 15 picaduras, oito en Cabeceira e sete en Xiorto. As altas temperaturas que se rexistraron durante boa parte do mes de xullo tamén se deixaron notar no apartado de incidencias. Así, dúas persoas sufriron queimaduras por exposición ao sol (un en cada areal). Ademais, foi preciso tomarlle a tensión a dez persoas (tres en Cabeceira e sete en Xiorto).

Ademais, a Policía Local de Poio realiza patrullas periódicas polos areais, especialmente durante a pleamar, para constatar que se cumpren coas normas de distanciamento contra a Covid-19. Cómpre lembrar que nos accesos ás praias habilitáronse paneis informativos nos que os e as bañistas poden asesorarse sobre estas directrices.