fbpx


O Concello de Poio e a empresa responsable da limpeza e tratamento de residuos, Valoriza, impulsan unha campaña para fomentar o uso entre a veciñanza do servizo de recollida de voluminosos. Trátase dunha prestación totalmente gratuíta que os veciños e veciñas poden solicitar, vía telefónica, para que lles vaian a buscar aos seus domicilios mobles e electrodomésticos de gran tamaño.

O alcalde, Luciano Sobral; a concelleira de Servizos e tenente de alcalde, Chelo Besada; a responsable de Participación Veciñal, Silvia Díaz; o enxeñeiro municipal, José Luis Arias, e o representante de Valoriza David Rodríguez foron os encargados de dar a coñecer este martes os detalles dunha campaña que se lanzará a través dos medios de comunicación e redes sociais, ademais de coa colocación de cartaces. Baixo o eslogan ‘Poio é precioso, por que o estragas?’, esta iniciativa pretende concienciar á cidadanía da necesidade de utilizar un servizo que axuda a preservar o medio ambiente, evitando o abandono destes residuos na vía pública ou en espazos naturais. Unha práctica que, tal e como lembrou a tenente de alcalde, “é ilegal” e está castigada con fortes multas económicas, especialmente nos casos de maior gravidade.

Os cartaces que se instalarán ao longo de todo o termo municipal de Poio inclúen información de utilidade, como o número de teléfono ao que os usuarios e usuarias deberán chamar para solicitar o servizo (986771185) e o horario (de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas). Ademais, esta campaña non esquece o aspecto interactivo. Ademais da difusión a través das redes sociais e medios (que incluirán “algunha sorpresa en forma de colaboración”, tal e como destacaron os dirixentes locais), os paneis inclúen códigos QR, a través dos cales veciños e visitantes poden descargarse nos seus dispositivos móbiles todo tipo de información, ademais da aplicación Liña Verde. Mediante o seu uso, calquera cidadá pode dar parte ao Concello de todo tipo de incidencias para o seu arranxo. Nestes códigos tamén se inclúen cuestións como as sancións que establece a lei en materia de medio ambiente e datos sobre o servizo.