fbpx



A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, deu a coñecer na mañá deste xoves os detalles da programación coa que o Concello de Poio conmemora o décimo aniversario do Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, unhas instalacións que foron inauguradas en agosto de 2010 e cuxa construción serviu para dar resposta “a unha demanda histórica da veciñanza”, tal e como a propia edil do BNG lembrou. Con motivo desta data tan especial, o Goberno local ofrecerá un abanico de actividades, que se desenvolverán desde o sábado 22 ata o luns 24.

A xornada grande será, precisamente, o sábado, cun acto institucional que dará comezo ás 20.30 horas. Posteriormente, procederase a inaugurar unha exposición, chamada ‘Transitar a ruína’, organizada por Neves Seara e que permanecerá aberta ao público ata o 25 de setembro. Ademais, a escritora, xestora cultural, artista plástica e ‘performer’, natural de Ourense pero afincada na parroquia de San Salvador, deseñou unha instalación artística inspirada en Bosque vermello, unha das obras da escritora e poetisa de Combarro Tamara Andrés. “Agora máis ca nunca é importante consolidar a aposta pola cultura local e as novas sementes neste eido, algo que desde o Concello de Poio temos moi claro e por iso contamos con artistas, agrupacións e profesionais da contorna para o desenvolvemento de diferentes iniciativas”, engadiu Rodríguez Alonso.

Ademais da inauguración desta mostra, Adrián Besada, gañador en varias ocasións do Certame Cultural Xaime Illa, recitará varios poemas. Cómpre lembrar que foi o propio Besada quen, sendo aínda un cativo, foi o encargado de descubrir a placa do Xaime Illa no día da súa inauguración en 2010. A xornada rematará cun concerto a cargo de The Jezz Trío (21.00 horas). Con respecto ao domingo, ás 21.30 horas terá lugar unha contada a cargo de Quico Cadaval e Bea Campos, con temática mariñeira. O luns, o teatro musicado infantil As Armadanzas porá o punto e final á programación, ás 20.30 horas. A edil de Cultural sinalou que todas estas actividades serán de entrada libre ata completar a foro e que se desenvolverán cumprindo coas medidas de seguridade anti Covid-19.

Dez anos despois da súa inauguración, o Centro Cultural Xaime Illa continúa prestando servizo a diferentes colectivos, servindo, ademais, como sede para a celebración de  actos e iniciativas. Neste sentido, ademais da súa funcionalidade, Raquel Rodríguez fixo fincapé na importancia de manter viva a lembranza de Xaime Illa Couto, cofundador da editorial Galaxia, creador da Revista Grial, membro da Real Academia Galega e merecedor da Medalla Castelao, que residiu durante parte da súa vida na parroquia de Raxó. “Foi un traballador incansable pola mellora da sociedade e da cultura galega”, indica Rodríguez, que tamén salienta o “importante labor e a gran implicación” da Sociedade Cultural e Deportiva (SCD) Raxó á hora de impulsar e poñer en valor o centro. Ademais, é esta agrupación a que, por exemplo, se encarga da xestión da sala de lectura.

As dependencias ocupan unha extensión aproximada de 1.500 metros cadrados e contan con sala de reunións, sala polivalente, unha aula de informática, sala de lectura e zona para o desenvolvemento de obradoiros.