fbpx

O Pleno da Corporación abordará na súa vindeira sesión extraordinaria, que se celebrará o martes 25 de agosto, o proxecto de ordenanza para a regulación da Administración electrónica, que busca, entre outros obxectivos, mellorar a eficiencia e eficacia nos servizos públicos municipais a través da vía on line, mediante a simplificación e redución de cargas administrativas e custes de xestión. En concreto, o que se propón é a apertura dun un período de 20 días hábiles para que a cidadanía poida realizar as súas achegas, tal e como sinala a concelleira de Participación Veciñal, Silvia Díaz.

O Goberno municipal fai fincapé na importancia de perfilar unha ferramenta que resulta indispensable para garantir a regulación do uso dos medios electrónicos que se poñen a disposición dos veciños e veciñas para realizar diferentes xestións e tramitacións que teñen que ver coa Administración local, facendo efectivos os pertinentes principios de transparencia, participación, proximidade e servizo á cidadanía. A estrutura deste documento consta de 38 artigos, repartidos en títulos e dúas disposicións, a través das cales se detallan os obxectivos da ordenanza, así como o seu ámbito de aplicación e os detalles do funcionamento da sede e dos servizos electrónicos postos a disposición da cidadanía.

“Desde o Concello seguimos a traballar para continuar mellorando en transparencia e participación”, comenta Díaz Iglesias, que fai un chamamento á cidadanía para que tome parte neste proceso, a través da presentación de propostas. A edil de Participación Veciñal entende que “a implicación de veciños, veciñas, asociacións e demais axentes sociais de Poio é imprescindible para continuar avanzando no desenvolvemento dunha ferramenta eficaz e consensuada”.